Opinión

Habitar o esperpento

Hai uns días chamei ao coidador do Manuel para comprobar como evolucionaba dun proceso respiratorio despois do tratamento pautado. "O señor Manuel xa asubía e canta pola casa adiante", informou Reni. Quen non semella asubiar e cantar é o noso día a día nun presente que teima en brindarnos a derradeira oportunidade unha e outra vez. 

A busca de solucións reais diante da pandemia ou o cambio climático resulta incompatible cun sistema económico que fai o indicible por non mudar nun ápice o seu "modus operandi", agás sexa para facer negocio. Comprobámolo acotío nos diversos fracasos dos cumios climáticos ou nunha distribución non equitativa da vacina. Causas e efectos do gran capital e seus avalistas máis tamén de responsables institucionais interesados en que nada mude.

Feijóo é quen de dinamitar coas súas políticas a sanidade de todas e ao mesmo tempo criminalizar os seus traballadores que están a facer máis con menos diante dun grave problema de saúde pública. Nunca se lle escoitou dicir palabra sobre os centos de sanitarios que caeron enfermos nestes dous anos, pero si alzou a voz para sinalar a irresponsabilidade dun grupo de residentes contaxiados nunha cea que non incumpría as laxas normas por el ditadas. Diría o mesmo se eses positivos se desen entre os seus colaboradores ao comezo da sexta onda?

Na mesma liga xoga un Abel Caballero que é quen de presentar as súas luces nun agosto marcado pola abusiva tarifa eléctrica, solicitar a finais de outubro o cumprimento das restricións sanitarias para rematar en novembro percorrendo a maioría dos platós de televisión presentando o mellor Nadal de Europa, aquel que máis contamina e o máis irresponsable dada a situación epidemiolóxica. Ámbolos dous dirixentes gozan dun amplo apoio popular e son inimigos íntimos. Vivimos instalados no esperpento de Valle-Inclán, nunha deformación da realidade onde o grotesco é a voz de cada día e a morte do relevante o epicentro. No libro de instrucións da esperanza cómpre dunha vez mirar para o importante, aquelo que fica fóra de tanta indecencia.

Comentarios