Opinión

Good bye, Covid?

As enfermidades autoinmunes son un dos retos da medicina do futuro. Sempre tendemos a ver a saúde nun feble equilibrio rachado por algo externo, mais nalgúns casos o inimigo da mesma é aquilo destinado a protexela. Non se coñece o proceso polo que as nosas propias defensas deciden confundirse de inimigo e atacar os nosos órganos. A influencia do estilo de vida, a alimentación, os contaminantes medioambientais ou algunhas infeccións virais semellan estar entre as posibles causas, sen que isto poida afirmarse a ciencia certa. Unha parte non menor dos pacientes que pasaron a Covid presentan semanas despois cadros clínicos onde unha inmunidade desorientada parece xogar algún papel, con patoloxías previas que empeoran ou co debut de novas enfermidades dermatolóxicas, dixestivas, reumatolóxicas, hormonais, neurolóxicas ou respiratorias.

Un estudo publicado por The Lancet multiplica por tres as cifras oficiais de casos e de mortes no mundo provocados polo SARS-CoV-2, calculando que nestes dous anos máis de mil douscentos millóns de cidadáns do planeta foron contaxiados, pagando coa súa vida dezaoito millóns destes.

Aínda que a OMS advirte que estamos lonxe da fin do pesadelo, moitos estados coma o noso están a diminuír as restricións existentes levantando a veda no control da transmisión da enfermidade coa eliminación do confinamento en casos leves. Os vindeiros meses serán decisivos para comprobar se a inmunidade adquirida de xeito natural ou mediante as vacinas será suficiente para poder convivir de maneira civilizada co virus ou, en troques, terá consecuencias irreparables na saúde das persoas máis vulnerables.

Moitas políticas públicas derívanse aos chamados á responsabilidade individual da cidadanía mentres ansían un futuro retorno a unha vella normalidade que liscou para non regresar. Isto non deixa de ter un paralelismo co protagonista de "Good Bye, Lenin!", aquel filme do 2003 que conta a historia dunha muller da RDA que esperta dun coma despois da caída do muro de Berlín. O seu fillo, sabedor da querenza da nai polo pasado da Alemaña Oriental, decide ocultarlle a verdade finxindo que toda a realidade na que ela se criou segue en pé.

Comentarios