Opinión

Estoupido controlado

A sociedade do espectáculo descrita por Guy Debord hai cincuenta e cinco anos está máis vixente ca nunca e o campo de batalla moi baleiro. Neste show integrado ao cal asistimos como quen ve unha serie, dá a sensación de que todo o que vivimos na década pasada estase a converter nunha representación, onde tan só queda o dereito a opinar con posterioridade nas redes sociais. Somos espectadores e, no mellor dos casos, comentaristas dun partido cunhas regras que mudan constantemente e cun árbitro untado diante do cal tan só podemos espoldrexar.

A versión doméstica do Trumpismo avanza a bo ritmo nunha maridaxe de corrupción e novo fascismo, avalada por poderes fácticos inseridos na xudicatura, no gran capital e na monarquía que sentiron os seus privilexios ameazados nos últimos tempos. A ausencia de impugnación nas esquerdas e o posibilismo como común denominador amosan unha debilidade que deixa as rúas ermas fronte as imposicións dos menos. Non esquezamos que a involución democrática en camiño conta co apoio de significados estamentos do estado, pero tamén de clases populares e dunha parte da mocidade expulsada do futuro coa crise dos anos dez e unha pandemia. A historia non se repite mais ten vasos comunicantes na espiral que nos conecta co pasado.

Mentres no mundo resoan dramáticos tambores de guerra que semellan propios dun gag de Gila, o PP do reino de España simula estourar en vivo e en directo para agrado dunha aliviada parte contratante. Unha vez máis obviamos que os papeis de Luís, os discos duros esnaquizados cun martelo, o financiamento irregular ou as condenas de corrupción non adoitan pasarlle factura aos afeitos a operar cuns principios en B. Mentres moitos depositan as súas esperanzas na aritmética do "divide e vencerás", todo semella indicar que na inmolación en "prime time" dos populares hai unha manobra de reorganización do conxunto da dereita para decidir quen debe liderar a nova etapa. Para desgraza de moitas, o defunto goza de boa saúde.

Comentarios