Opinión

De memoria

Luís non aparenta os anos que ten. Elegante nas maneiras, está preocupado polos mareos que sufriu ultimamente ao volante e tamén polos despistes que o fan sentir inseguro. "Non me atrevo a coller o coche e, por veces, fico parado na rúa sen saber onde estou ou a onde vou". Leva media ducia de consultas comigo nos últimos dous meses, unha avaliación por neuroloxía que non detectou ren, e unha intervención da traballadora social que informou da solvencia económica do doente, as boas condicións da vivenda onde mora só e a cantidade de recursos que hai nela entre os que sinala "unha tableta regalada polo seu banco, que non sabe usar". Máis dunha vez, téñolle recomendado a necesidade de buscar axuda no fogar, consello que el desbota ao sinalar "a estas alturas da miña vida, aínda pensa que estou a tempo de que alguén me faga caso?". No día de hoxe, cando ía saír pola porta pregunteille: -Ti sabes como me chamo?, -Desculpe doutor, pero coido que é a primeira vez que coincidimos aquí.

Rosa vive arrodeada dos seus seres queridos sen lembrar o nome de case todos. A tratamento con medidas paliativas, asústase cando lle digo que a súa doutora xubilouse e ao non ter unha substituta cada visita ao seu domicilio vai facela un médico diferente do Centro de Saúde. "Non sabe a de xuramentos que solta por esa boca estas noites, nunca tal dixo", afirma unha neta. "Levaba moitos anos sen deixalos saír", rosma ela debuxando un sorriso.

Carlos e Ana decidiron ficar na vila a carón do mar despois de moitos anos emigrados en Alemaña. Lonxe dos seus fillos e netos, ambos son o caxato do outro. Nun dos nosos encontros, ela amósase preocupada polas lagoas na memoria del e tamén polo feito de que "di na rúa o primeiro que se lle pasa pola cabeza, sen pensar nas consecuencias". Semanas despois, cando acoden a recoller os resultados das probas realizadas, ela non lembra ter comentado comigo problema algún e Carlos ignora ter acudido ao especialista. Ao marchar da consulta agarrados da man, el coméntalle a ela; "Non te esquezas de que hoxe toca chamar á familia".

Comentarios