Opinión

Conta atrás

Sabela entra quebrada na consulta. Primeiro foron as dores no colo, logo as palpitacións, despois as molestias no estómago e hoxe as bágoas. Neste decurso de meses fixen as correspondentes exploracións e soliciteille unha radiografía cervical, un electrocardiograma e a determinación do helicobacter pylori. Sei que nesta tarde non teño tempo para escoitala e aínda así intento facelo. Atópome nunha xornada de dobre quenda, ela é a miña paciente número sesenta, faltan dúas horas para que peche o centro e levo moito atraso cunha sala de espera concorrida. A miña anguria informa que nada pode saír mal. Hai vinte anos cursei a residencia despois do MIR no mesmo Centro de Saúde onde estou agora. Por aquel entón, a que era a miña adxunta loitaba nunha plataforma que reclamaba dez minutos por doente, pelexa que eu subestimaba por posibilista. Dúas décadas despois, o que semellaba estar ao alcance da man parece unha quimera que pon en perigo o noso labor.

Lola goza de boa saúde con noventa anos a pesar dos seus problemas de mobilidade que lle impiden saír de casa; "as pernas non me deixan", dime con retranca sentada na cama do seu cuarto mentres eu intento auscultala para descartar unha posible pneumonía. Ao seu carón o seu fillo Andrés comenta que leva tres días sen ser ela, que non chamaron antes para ver se lle pasaba xa que saben que "vir ata aquí, tal e como están as cousas, non é fácil". Ámbolos dous viven nunha parroquia do rural de Compostela a vinte minutos en coche do Centro de Saúde, e son conscientes que unha visita domiciliaria saca ao seu médico do posto de traballo polo menos durante unha hora.

Cada día centos de sanitarias da atención primaria regalamos tempo a maiores da nosa xornada para sacar adiante un traballo que é imposible realizar en horario ordinario. Facémolo polos pacientes, mais tamén pola nosa tranquilidade intentando garantir unha calidade asistencial de mínimos. Aínda así, somos conscientes que este proceder vainos desgastando, enlentece a procura de solucións, minora as responsabilidades daqueles que provocaron esta situación e deixa no ar unha pregunta: ata cando seremos quen de resistir?

Comentarios