Opinión

Collage para un 12-O

As luces azuis xa non distinguen unha ambulancia dun coche da policía nun presente onde cada vez é máis doado confundir os bos cos malos. Mentres conduzo penso niso sen ser quen de diferenciar un matiz dunha tonalidade na coartada da emerxencia. Na resultante non consigo discernir unha persecución dun infarto que busca curación camiño do hospital.

As defensas do organismo ás veces trabúcanse de inimigo decidindo atacar diferentes partes do noso corpo. Definen así a desorde dos encargados de protexernos, dándolle nome a diferentes enfermidades reumatolóxicas, tiroideas, neurolóxicas, dixestivas ou dermatolóxicas, acubilladas baixo o paraugas da autoinmunidade. Ninguén sabe o porqué deste cambio de parecer, mais entre as causas sinálase o papel das infeccións virais, en especial a da Covid, con infinidade de casos que estamos a ver nas consultas a diario.

Mañá algúns celebrarán o Día da Hispanidade ou Festa Nacional de España onde se conmemora o descubrimento de América por Colón, que sempre foi encuberto nun relato de opresores que nunca tivo en conta o mirar do oprimido e o jet lag de Cristóbal, que ao desembarcar pensou que chegara á India. Para festexalo teremos coma sempre desfile militar, bandeiras e asubíos aos sospeitosos da diversidade e a policromía. Seremos un ano máis Galegos de Alabama que por un día falaremos en mixteca, guaraní ou quechua. Como sentirte parte de algo que te nega ou afirma ampararte mentres te agride?

Son fillo por parte de pai dun Donostiarra que chegou de neno a Ortigueira e por parte de nai dunha muller de Mera que naceu en Caracas. Coñecéronse na Compostela dos anos sesenta mentres cursaban estudos na segunda promoción da Facultade de Económicas e dende entón fixéronse inseparables. O 12-O sempre é unha data de celebración na nosa casa, desta volta cincuenta e catro anos xuntos dos que corenta e nove foron de casados. Estas verbas son para vós, Isabel e Martín, por terdes sido durante todo este tempo a nosa luz laranxa da ambulancia e "así nosoutros cantemos meus bens, vosos cantares de amor".

Comentarios