Opinión

Analoxías

Hai na consulta un lugar de encontro tan neutral coa enfermidade que incomunica o médico e o doente cos motivos da mesma. Un espazo condicionado pola asepsia do branco, a sala de espera e a saturación, pode converter a prevención ou o tratamento nunha transacción comercial de probas diagnósticas ou fármacos. "Viña solicitar unha analítica e, de paso, sería quen de activarme nas receitas ibuprofeno e algo para durmir?". Nunha analoxía baseada na escala, o centro de saúde sería a un comercio de proximidade o que un hospital a uns grandes almacéns.

O bo funcionamento do noso organismo está condicionado por factores biolóxicos, psicolóxicos e sociais. A falla de tempo impide en moitas ocasións detectar o que acontece na vida dos nosos doentes para entender aquelo que quebra a súa saúde. A sanidade pública é un corrector de desigualdades sociais que ás veces tamén opaca a percepción das causas que desencadean as enfermidades. Buscando un atallo cando non renunciamos a saber, convertémonos así en sanitarios decididos a escoitar a alguén en confesión. "Algunha razón para este malestar, problemas económicos, sentimentais, laborais?". Continuando cos parecidos e as gamas, a atención primaria sería a unha igrexa parroquial o que a hospitalaria a unha catedral.

O ritmo frenético dunha xornada de traballo é quen de mudar unha visita domiciliaria nalgo que xera ansiedade en moitos sanitarios. "Se non son quen de atender con garantías e tempo aos meus pacientes, como vou ser capaz de acudir fóra do centro, acumulando atraso na quenda diaria?". O asasinato da medicina comunitaria é unha das consecuencias do desmantelamento da sanidade pública, sendo a poboación envellecida e necesitada as súas vítimas propiciatorias.

Recibo unha solicitude de asistencia no seu fogar dunha paciente totalmente dependente de 40 anos co remate da mañá. O cadro respiratorio leve queda esvaecido ao chegar ao lugar onde María vive coa súa nai nunhas condicións precarias, sen calefacción e coas paredes pintadas de humidades. O catarro adquire entón outra dimensión e o sorriso da paciente ao verme tamén, mentres cunha man axita un axóuxere e coa outra un patiño de goma. Unha vez máis volvo a entender.

Comentarios