Opinión

Agardar

Ezequiel e María encaran o inicio da sexta década das súas vidas tras corenta anos xuntos. Sempre entran un a carón do outro na consulta, nunca cambian de cadeira, el no lado esquerdo do meu ollar, ela no dereito. —Hoxe xa empataches coa túa muller nas cuestións a tratar. Na analítica que fixeches a maiores do colesterol temos datos dunha diabetes e se a iso lle sumamos a hipertensión de hai tempo xa temos a tríade. —Podería, doutor, poñerme o mesmo tratamento que a ela? —Iso non é posible, a pesar de ter as mesmas doenzas as súas características son diferentes e a medicación hai que axustala. Días despois comezo a recibir algún aviso telefónico de María comentando que os diversos tratamentos pautados están a provocar varios efectos adversos en Ezequiel, todos eles recollidos nos prospectos dos fármacos como os máis habituais. Preocupado, decido citalos. —Coido que esta semana non te sentiches ben. —Pensei morrer. —Pois estas enfermidades debemos abordalas. —E se me pon o mesmo tratamento que a ela? —Paréceme unha boa idea.

Lucía sorrí por primeira vez nos últimos meses diante miña. Véselle mellor, penso, mentres relata que comezou a saír con algunha amiga, que recuperou a capacidade de durmir e que xa non ten tanta ansiedade. —A cousa progresa, estás a facelo moi ben. —Non había onde escarvar despois de tocar fondo, a terapia axudou, os que me queren tamén, e as pastillas de "a min que" foron importantes. — Como dis? —Si, home, o tratamento que estou a tomar, que cada vez que teño un problema que antes me angustiaba, agora dáseme por pensar "e a min que me importa".

Manolo entra acompañado por unha das súas sobriñas cando vén visitarme ao Centro de Saúde. Polo camiño sempre engancha nalgunha silveira para botar unha parola co persoal e algún veciño. Hoxe non o fixo xa que levaba présa por verme para consultar unha catarreira mal curada que o tiña preocupado. —Ninguén diría que hai unha semana cumpriu os noventa e cinco anos, véselle como un rapaz. —Pois ir van no lombo. —E que hai que facer para chegar a eles tan ben como está vostede? —Non ten moito segredo, tan só agardar.

Comentarios