Opinión

Violencia política

Medusa é un dos mitos que mellor encarna a violencia machista. En 2008 Marilar Aleixandre publicou A cabeza de Medusa, novela sobre a revitimización de dúas mozas violadas. Un alumno, educado nesta sociedade patriarcal, resume o argumento dicindo que foron violadas por non agardar a que houbese un taxi baleiro. Por non agardar... a culpa sobre as mozas. Eu penso no acontecido en Cangas, nese taxista. Sitúanos diante dun mundo terríbel en que as mulleres non imos estar seguras nunca, porque o feito de que o profesional que nos atende sexa un home fai que nos sintamos en risco. 
As xornalistas analizaron a situación. Véñenme á cabeza as imaxes do Escándalo (2019), porque están a relatar escenas moi semellantes. O desprezo á nosa capacidade, a cousificación dos nosos corpos, o abuso sexual, violación baixo coacción psicolóxica.

A violencia campa ás súas anchas neste sistema que se sostén sobre políticos que negan a realidade e branquean o machismo violento de certos discursos. Votan en contra das declaracións institucionais que se lles propoñen, enviando unha mensaxe clara de que seguirán a manter os privilexios dos homes fronte ás mulleres, que nos farán a nosoutras culpábeis da violencia que sufrimos, que non temos dereito a reclamar espazos de igualdade.

Son os mesmos que difunden como historia de amor por enriba de todo, a dedicación dunha muller que, nos últimos anos de vida, coida do seu maltratador, protexe da morte a quen tentou matala. Porque se non o fixese, caería sobre ela a crítica dunha sociedade que considera que as mulleres estamos aí para perdoar e coidar, mesmo para negar a violencia.

Por iso votan en contra, no Parlamento e nos Concellos, mentres din que xa están facendo moito. Si, moito para que nada avance, para que sigamos nunha sociedade que nos nega e nos oprime. Por iso  promulgan leis que non pasan de declaracións, non activan os protocolos, non avanzan en políticas de prevención, non invisten nos CIM. Votan en contra das nosas vidas.

Comentarios