Opinión

Violencia empresarial

O opinador de hoxe coloca sobre a mesa o que lle trasladaron os empresarios do metal de Pontevedra, están moi preocupados pola violencia das mobilizacións dos seus traballadores, especialmente polas que se desenvolveron durante a feira Mindtech. É o seu mantra, apoñerlle aos seus traballadores o cualificativo de violentos. Levan toda a vida facéndoo, mesmo os teñen cualificado de terroristas. Eles, os mesmos que os obrigan a realizar determinados traballos sen lles entregar os equipos de protección necesarios; os que impoñen xornadas maratonianas máis alá do contrato, tendo que realizar horas extras que nin sempre pagan; os que pretenden, a través do convenio, reducir dereitos dos que veñen gozando; os que se negan a incrementar os salarios proporcionalmente aos prezos que non nos deixan chegar a fin de mes. Isto, todo isto é violencia, violencia empresarial exercida contra as traballadoras e os traballadores.

Porén, neses faladoiros cos que tentan adoutrinarnos a primeira hora da mañá cada día, nada din de todo isto, como tampouco falan do impedimento das forzas policiais ao desenvolvemento da mobilización que ía discorrer polo traxecto comunicado. Empregan a lei para limitar o uso dos nosos dereitos como traballadoras impoñéndonos unhas normas que, despois, incumpren pola súa parte sen que aínda saibamos por que. Isto, isto tamén é violencia, violencia institucional.

E a realidade é que cómpre unha resposta á situación laboral e económica que estamos a vivir, a esta violencia empresarial que se ceba coa clase traballadora grazas á cal eles engordan os petos propios e os dos seus banqueiros, mentres os seus líderes políticos, eses cos que se abrazan nas fotos, deterioran os servizos públicos.

Por iso nos centros de traballo somos moitas e moitos os que seguimos con atención as mobilizacións do metal, sentimos que unha parte de nós vai con eles mentres atravesan as rúas de Vigo e colapsan a cidade. A súa determinación dános folgos. Sentímonos orgullosas.

Comentarios