Opinión

Shibli

Hai unha semana, a AELG facía un chamamento a solidarizármonos co pobo palestino nas rúas. Comezaba o comunicado lembrando a Mahmud Darwish, a quen a entidade entregou en 2006 o recoñecemento 'Poeta galego universal'. Aquel día, Darwish dirixiunos palabras coma estas: "Estou realmente orgulloso ao recibir este valioso premio, que me convence, unha vez máis, da utilidade da poesía en poder contactar coa humanidade, e da súa universalidade procedente da súa localidade". E engadía que o premio non só era para el, pois os poemas que o permitiran contiñan "o esforzo dun pobo que defende o seu dereito á liberdade e á independencia, e defende a súa identidade nacional e cultural cunha heroicidade insólita, para conseguir o seu mais humilde soño: liberarse da ocupación e da escravitude".

Estas palabras de Darwish fan que entendamos mellor o que aconteceu na Feira do Libro de Frankfurt. A eliminación da entrega do premio pola súa novela Un detalle menor a Adania Shibli é un acto de censura destinado a ocultar a realidade do pobo palestino, das nenas e as mulleres convertidas en botín de guerra, violadas por soldados do exército israelí que usaron a vella e animal táctica de impedir co seu seme a transmisión da xenética do pobo que queren eliminar. Diso fala a novela publicada hai sete anos, feitos reais sucedidos en 1949. Di Jean-Loup Samaan na revista literaria dixital En attendant Nadeau, que na novela Shibli describe con detalle as dificultades dos palestinos para realizar desprazamentos simples dentro dos territorios ocupados ou a omnipresencia dos controles de seguridade. E que coida "de non facer unha análise política que poida pesar na súa prosa". Porén, foi silenciada.

Centos de persoas vinculadas ao ámbito do libro esixiron á feira espazos que permitisen aos escritores palestinos compartir a súa reflexión sobre a literatura nestes tempos. A Unión de Editores Árabes ou a de Escritores Tunesinos abandonaron a feira.

E é que cómpre berrarlles que non nos calarán.

Comentarios