Opinión

Ser coma os máis

Temos na familia unha tía que pasa dos noventa e leva a vida toda a nos dicir que temos que ser coma os máis. Vai para corenta anos que comezou dirixir a nós a súa ladaíña, por mor das nosas guedellas e das nosas roupas tan hippies. Cando naceu o cativo, volveu repetir o seu "ser coma os máis", e todo porque o neno rompía a tradición familiar de repetir o nome paterno e recibir un sonoro e ateo nome galego, sen pía bautismal de por medio, para máis inri. Pasaron os anos e ela seguiu teimando en que tiñamos que buscar un traballo coma os máis, supoñemos que quería dicir dos que dan moitos cartos e te visten de traxe, ir ao cemiterio coma os máis, por defuntos, comer no restaurante coma os máis, para que visen que tiñamos cartos e nos levabamos ben, e calar coma os máis, sen facer públicas as nosas ideas...

Ela insiste e berrega con nós. E coma ela fan certos opinadores dos medios de comunicación que estes días atrás non daban feito a lanzar consignas para pór no seu sitio a tanto congresista irreverente coa monarquía (democrática, R.B.V. dixit. Votastes o rei e non mo dixestes?). Houbo quen chegou escribir que era unha obriga dos deputados e deputadas asistir ao xuramento da Constitución. Pensaba eu, inocente de min, que a obriga dun deputado era cumprir coas ideas e compromisos polos que fora votado e obtivera a acta, nalgúns casos mesmo defendendo avanzar cara á República, galega. Ou sexa, pensaba eu que estaban a ser consecuentes con ese pacto non escrito que é o voto nas urnas. Mais, parece, como di a tía, que iso non é ser coma os máis, ovellas gregarias que non se desmandan e seguen as rectas instrucións que ditan os de sempre desde o telexornal. Seica tiñan que ter ido ao solemne acto de fe en que unha moza lle pide á toda a poboación dun Estado que confíen nela. E todo por ter nacido cuns apelidos e nunha orde determinada. Igual, igual, igual cós máis.

Porén, non foi sendo coma os máis que temos avanzado socialmente, nesta sinuosa espiral da historia.

Comentarios