Opinión

Sen protocolo

Elixín para facer a avaliación inicial unha nova que me ía permitir testar a comprensión lectora do alumnado e, ao mesmo tempo, traballar contidos transversais. A nova falaba da actuación de Amaral no Festival Sonorama Ribera e do acto reivindicativo da súa cantante. Agardaba preguntas. Como a da alumna que non entendía por que alguén fai iso e, despois, se queixa de que a miren, dixo. Expliqueille que importa quen decide e o contexto en que os feitos se producen. Completei a explicación mostrando a Liberdade guiando o pobo no cadro de Delacroix, para contextualizar o xesto e mostrar todo o seu significado.

Non lle contei, porque o lin despois, que a partir deses día todo o odio que circula nesta sociedade contra as mulleres que deciden libremente se volveu contra a cantante, dunha maneira tan brutal que a reafirma na necesidade de accións como a que levou a cabo, para facer aflorar ese odio e combatelo.

Hai unha realidade incuestionábel, as mulleres somos agredidas. En moitos casos no ámbito laboral. Está recente o caso da xornalista agredida en plena emisión. A punta do iceberg. E cómpre denunciar. Como tamén cómpre que existan medidas que poñan cabo a esas denuncias. Que denunciar sirva para algo. Que existan protocolos e que se apliquen. Que as vítimas se sintan apoiadas e non revitimizadas.

Mais falta moito compromiso. Na reportaxe desta semana sobre o acoso sexual no traballo, recollíase que o Goberno galego non ten datos e que se está a centrar en apoiar a implantación de protocolos nas empresas. Falta de datos. Primeira evidencia do pouco que lles interesa o tema. Tan pouco que o que non implementan, nin negocian, nin elaboran son os seus propios protocolos. Protocolos que son obrigatorios.

Na Consellaría de Educación non existe. As docentes que temos que cumprir en prazo con toda a burocracia que nos impoñen e ser exemplo para o noso alumnado, non formamos parte da preocupación dos nosos superiores.

Só se lembran de nós para facer propaganda.

Comentarios