Opinión

Saturadas

Aoutra noite, unha colega contábame que ese mesmo día fora á praia. A Portugal. Percorrera varios quilómetros buscando un areal onde poder aparcar e colocar a toalla. A información non tería maior relevancia se non fose porque é veciña de Nigrán e ten praias ao seu pé. Mais ela e outras persoas acabamos buscando refuxio noutros lugares, ás veces máis distantes, menos accesíbeis, porque achegarnos ás praias que temos ao lado é practicamente imposíbel, masificadas como están. Temos que fuxir do lugar en que vivimos, cambiar os nosos hábitos, como o de ir ao supermercado, literalmente petado de turistas nestas datas.

Este verán desde as Cíes ao Eume, a costa galega está completamente saturada. Lugares outrora pouco frecuentados, coma Fisterra, rexistran hoxe un overbooking de vehículos de todo tipo, como as caravanas que non ocultan o baleirado de residuos mentres descenden a estrada cara ao centro da vila. E non só. Velaí Compostela.

Hai días a actual alcaldesa de Barreiros reclamaba o apoio da Xunta nas dotacións básicas, claramente insuficientes para abastecer un concello que multiplica por catro os habitantes grazas ao modelo urbanístico e turístico que deixou o PP. E é que, ao final, estamos falando de que os servizos básicos non poden soportar esta presión. Estamos falando do saneamento e das reservas de auga dos encoros. De recursos municipais que se esgotan e que deberían ser suficiente argumento para que se instaure unha taxa turística alí onde se considere necesaria. E aínda hai quen o discuta, quen faga alarde da súa negativa. Quen aínda non farto de explotar turistas e veciños, di sentirse prexudicado porque non sabe mirar máis alá do seu embigo empresarial.

Mentres, algúns de nós comezamos adoptar a práctica proteccionista que se emprega cos animais en extinción, ocultar onde están. Borramos as imaxes que tanto nos gustaría compartir, para enxalzar a beleza desta terra, ou ocultamos o seu nome e localización. 
Para protexelos. Para protexernos.

Comentarios