Opinión

Samaín e lingua

Estamos no tempo de Samaín, ou de Defuntos, como prefirades. En calquera caso, nos días do tránsito á estación protagonizada pola caída da folla, a maior duración da noite fronte ao día e a chegada do frío. "O novo ano celta". Ben pensado, estes días en que finaliza outubro e comeza novembro, tamén este ano, marcan ese cambio de estación, esa entrada no tempo do frío en que procede gardar as castañas e matar o porco.

Na tradición herdada dos pobos anteriores aos romanos, compartida con nacións como a irlandesa, que a levou ao continente americano, os defuntos son os protagonistas. Na nosa cultura, até o punto de agardar a súa visita e lle poñer un prato na mesa. Disque se xuntan o mundo do alén e do aquén e que é o tempo de compartir as novas cos que xa non están.

Cando penso nisto, cando penso quen me gustaría que sentase á miña mesa nesa noite, penso en homes e mulleres que gastaron a vida traballando polo país, pola súa lingua, por exemplo.

Porque agora que estamos no momento de presentar os orzamentos do vindeiro ano e analizar as diferentes partidas, comprobo como o partido no goberno segue diminuíndo as cantidades destinadas á lingua, sendo o apartado de normalización o que máis decrece, exactamente divídese á metade respecto do orzamentado en 2009, o primeiro ano do goberno Feixoo na Xunta. Será que mellorou a situación lingüística respecto de 2009? Xa sabemos que non, que todo o contrario. E grazas aos mesmos que reducen o orzamento.

Así que, se unhas páxinas máis adiante leo que, neste ano, xa foron dúas as parellas que denunciaron a imposibilidade de casar en galego nos xulgados de Vigo, non me dou nin sorprendido.  Ou si, porque non son quen de asumir que a día de hoxe vivamos os mesmos feitos que Carlos Callón denuncia no seu Libro Negro. 

Vaites. Imaxinade a Castelao sentado á nosa mesa a noite de defuntos. Imaxinade que nos pregunte pola vida do idioma noso, ese que sobreviviu a cincocentos anos de política asimilista... Eu imaxino a súa carraxe.

Comentarios