Opinión

Os xestos

Kathleen March dixo algo así como que xa non podía ler sen lentes violetas. É unha forma de expresalo. Unha forma de dicir que, desde que tomas conciencia do que acontece ao teu redor, non podes deixar de velo. Por iso reparamos no incremento da precariedade das persoas traballadoras, no desuso e no desprezo cara a nosa lingua, en todas as desigualdades, a do espazo que ás mulleres nos deixan, tamén.

A estas alturas do século, debería ser imposíbel acudir a un acto, por exemplo, e non fixarse na ausencia das nosas conxéneres. A min éme imposíbel. Eu vou a un concerto para deixarme levar pola música e acompañar as persoas intérpretes, mais non podo deixar de reparar en que de todas as pezas interpretadas soamente unha ten partitura composta por unha muller, ou que ningún dos poemas que se converteu en letra pertence a unha escritora.

E agora desculpen a esaxeración, mais penso que procede. Haberá quen me conteste que que si que teñen pezas que parten de autoras, de Rosalía, por exemplo. Bendita Rosalía, que é principio e fin da literatura que nos representa. Desexo que sigan cantando as súas letras, tamén eu as canto. Mais non é só ela escritora neste país noso con tantas estranxeiras na súa patria. Máis ca estranxeiros.

Talvez fose fortuíto, desculpábel, pouco importante. Mais unha non pode tirar os lentes porque en canto se descoida ten que ler mentres pasea unha pintada que di: “8M al revés es mocho” e estou certa que nin todo o mundo reparará no insulto, no odio subliminar que nos asalta desde ese xogo de palabras.

Afortunadamente, ás veces vanse elevando voces masculinas que visibilizan a desigualdade pola ausencia clamorosa das autoras nun certame, que se inclúen con naturalidade nun feminino plural, que se solidarizan coas súas compañeiras vitimizadas. Son exemplos necesarios para unha sociedade que precisa comprender que o feminismo é unha ferramenta transversal que nos libera a todas e todos e que por iso, tamén por iso, é permanentemente atacado.

Comentarios