Opinión

O Himno

Cando era estudante de Secundaria, memoricei na súa integridade o poema Os Pinos. Porque si, porque me deu a gana. Supoño que porque formaba parte dos meus enredos habituais. Non creo que soubese que estaba para se aprobar a Lei de Símbolos de Galiza que ía recoller xustamente as estrofas dese poema que se consideran o noso Himno oficialmente.

Desde aquela, lembro ben que cantar o himno nun acto institucional era e é un momento de tensión.

En moitas ocasións, ao rematar a segunda estrofa, tivemos, temos que continuar cantando a capella, convertendo o canto nun acto que reivindica que se respecte a integridade da letra, de catro estrofas. Coido que remataban o himno en fogar de Breogán para evitar as seguintes oitavas, máis explícitas na cualificación dos que non nos comprenden e que, sobre todo, inclúen a palabra nazón. Tanto foi así que mesmo semellaba que esas estrofas non estaban recoñecidas na Lei. E non. Desde o 29 de maio de 1984, a Lei 5/1985 recolle as catro estrofas como letra do himno na súa Disposición adicional terceira.

Aínda bo é que xa estaban na lei, porque se non fose así e quixésemos reivindicar que se incorporasen ao Himno habían querer facer unha Comisión de Estudo. A mesma en que se parapetan agora para negarse, unha vez máis, a emendar as grallas longamente repetidas. E aínda nos din que prefiren o consenso social ao filolóxico. Ou sexa que desprezan o criterio científico (cando se trata da lingua si). Consenso social? Consenso social para substituír un sinónimo por outro, que si usa o autor, ou unha palabra que non existe por outra correcta, que era a que escribiu Pondal? E logo? Acaso non nos preguntamos todos que significa valeroso chan?

Resulta indignante que despois da prolixa investigación e documentación dos erros, como a aparición da carta de Pondal en que dá conta deles, non só haxa que reclamar cunha ILP que se proceda a corrixir o texto, senón que mesmo se neguen a facelo xa.

Seguen vendo a Terra plana.

Non nos entenden, non.

Comentarios