Opinión

Maio

Estes días andan as veciñas a coller flores. Na casa reitoral, inutilizada case todo o ano, pasan o serán espinichando flores, que é como lle din aquí, con outra palabra que non vén no dicionario da RAG. Talvez estea emparentada con 'espenicar, espinicar' que documentan os dicionarios históricos. Rosalía escribiu "depenicar", que é a voz que atopamos no da RAG.

Dicía que andan a espinichar nas flores para, na noite anterior ao día en que se celebra a festa de Fátima, facer alfombras florais polas que pasará a procesión co seu carriño branco de anxos e xente noviña facendo a comuñón. Onde eu vivo, Peitieiros (Gondomar), hoxe celébrase así e nesta data. Outrora eran arcos os que colocaban nos cruces dos camiños e nas portas das casas. E no adro, onde erguían unha estrutura de madeira con decoración vexetal, como podemos ver nas fotos de hai cincuenta anos, semellante da que aínda se realiza en Tabagón, no Rosal, con motivo da festa de San Brais.

Nestas datas de maio, ademais dos recuperados maios, hai quen coloca ramallos na porta da casa para espantar as meigas, así no Salnés, en que ten que ser colocado antes de que se meta o sol anterior ao primeiro de maio. Lémbrame o costume vasco de colocar un eguzkilore nas portas ou sobre elas, como puiden contemplar na Rioxa, en Áraba.

O caso é que este costume nestes lares do que un día foi a provincia de Tui adorna as nosas aldeas desde febreiro, San Brais de Tabagón, a xuño, sendo estas últimas celebracións coincidentes co Corpus, as máis coñecidas, co tirón de Ponteareas, por exemplo.

Ana Filgueiras datou nun seu informe que a primeira alfombra floral se fixo en Ourense en 1323, ligada á celebración do Corpus e promovida polos gremios. Naquela altura a nosa lingua era a lingua normal de Galiza, entre nobres e artesáns, nas casas e nos castelos. Tamén a ela reivindicámola en maio, seguindo a estela de Rosalía.

Este ano, pensando nos últimos cambios, levarei un ramalliño fresco, para protexela de quen a quere mal.

Comentarios