Opinión

A espada de Damocles

16 de agosto, día de San Roque. Os informativos abren coas críticas á alcaldesa de Compostela por non realizar a ofrenda ao santo. A Radio Galega presenta a información coma se as críticas da oposición, PP e PSOE, fosen a verdade ou o legal. Acúsana de non representar a toda a veciñanza, din que hai que gobernar para todos e que "todos" queren que realice a ofrenda. Reeditan as críticas que lle fixeron o mes anterior, cando Sanmartín informou de que non participaría doutro acto relixioso, a ofrenda ao Apóstolo.

É unha especie de paternalismo político exercido desde o bipartidismo coas organizacións que eles consideran que non están destinadas a ocupar o poder, como o nacionalismo, porque iso lles corresponden a eles, maioritarios con experiencia que si saben como gobernar para todos.

E por se alguén quixese enarborar aquí o cativo "aconfesional" que escribiron na Constitución española, xa se adiantan os bipartidistas a explicarnos que non se pode entender así.

A min vénme Damocles á cabeza. A espada prendida ao teito por unha crina de cabalo sobre a cabeza da cadeira do poder. Na nosa fábula, os tiranos de Siracusa fan baixar a espada das súas críticas persistentes baseadas no que se debe entender por "gobernar para todos" e déixana á vista, tentando amedrentar a quen acadou a posición actual grazas aos votos das persoas que non cren que gobernar para todos sexa participar en actos relixiosos. Persoas que entendemos que aconfesional debe aproximarse na práctica a laico e que a relixión, crenza, práctica, rito, debe formar parte do privado, separarse do político.

Esta versión da espada está para lembrar que só eles teñen dereito ao poder e se outras pretenden exercelo, a súa crítica tentará cortar a cabeza da nova gobernante, con independencia de cal sexa a súa acción de goberno. Porque xa a vimos caer sobre quen entendeu que tiña que participar dese "gobernar para todos" tal e como eles o entenden.

Contra o seu mansplaining, temos crina dos montes galegos.

Comentarios