Opinión

En campaña

Estamos en campaña. Así que imos pola vila coa propaganda ofrecéndolla a quen pasa. A xente adoita coller o que lles dás e seguir camiñando, ás veces responden ao teu saúdo ou mesmo che dan as grazas. Un home preguntoume se tiña que pagar algo. Vaia! E iso que minutos antes seguíalle os argumentos a outro que deostaba os políticos por asignarse salarios cando estaban á fronte das institucións. A súa actitude era a de quen domina a materia e non admitía réplica. 

É un comportamento que segue a sorprenderme, por máis curtida que estea de atoparme con xente así. Pásame o mesmo cando, nun local, na mesa do lado, escoito dúas parellas de idade falar da voda de Tamara Falcó que, nestes días previos ás eleccións xerais, semella ser o tema máis importante.

Falan dela coma se fose a veciña do lado e tivesen asistido á súa voda desde a ventá da casa ou falado coa nai o día anterior. Mesmo lle coñecen o maneira de ser e saben que é moi ben dada, coma os irmáns, aínda que ten carácter. Coma moitos, viven nun mundo de papel couché e teleralidade. Esa nova forma de alienación.

Probabelmente esas dúas parellas que falan ao meu lado declinarían collerme a propaganda que lles estendo na que recoñecen de inmediato a Ana Pontón. Xustamente iso foi o que fixeron varias persoas amañadísimas que logo posaron coa candidata da dereita ao pé das escaleiras da Igrexa.

E é que aínda hai clases. Unhas repartimos, colocamos carteis, imos coa escaleira colgando as imaxes da nosa candidata, organizamos e asistimos a actos e outros van ás procesións e se retratan nelas co careto do líder exportado a Madrid nas mans. Mesmo hai quen non fai nada de nada, instalados na inercia de que os votos lle van vir si ou si e de que non precisan máis cá propaganda dos medios que se nos coan na mesa da cociña. 

Mais hai xente que recolle o voto, que o garda, que fala da importancia destas eleccións, que saben canto nos xogamos e que o que precisamos é falar por nós mesmos, galegas e galegos, en Madrid.

Comentarios