Opinión

Cela 105

Cada ano aumentan as noticias, as referencias e mesmo os actos relixiosos en directo nos medios de comunicación audiovisuais. Podería parecer información cultural ou turística. Mais non, non cadra co obxectivo puramente informativo que a televisión pública do Estado retransmita en directo o Vía Crucis romano ou a Galega a procesión de Ferrol ou Viveiro.

Ben pensado hai un retroceso de séculos a un exhibicionismo místico que penetra o conxunto da sociedade. É unha táctica de normalización intencionada, nunha fase da historia en que a imposición dun canon de normalidade social se confunde co civismo, mentres se controlan e reducen outras formas de pensar, outras ideoloxías, a laicidade e o ateísmo entre elas.

Nesta involución do pensamento, os prantos dos confrades que non poden procesionar pola chuvia inzan as pantallas da televisión. Canto me sorprenderon esas bágoas no seu día nas rúas de Andalucía. Este ano abraioume a naturalidade coa que se consideraba que todas e todos os que nos desprazamos facémolo por un fin relixioso e só atendemos ás procesións (por iso se permiten fechar espazos culturais e nin indicalo sequera). Mais o que máis me asombrou foi ver grupos de adolescentes pendentes dos itinerarios e collendo sitio, rapazas que berraban coas nais porque non apuraban o suficiente e a procesión estaba a piques de saír da igrexa e iniciar o seu longuísimo percorrido (hainas de máis de 12 horas).

As casualidades non existen. O número de persoas que marcan a cela 105 da renda en que se consigna 0,7% dos impostos para a Igrexa aumenta ano a ano e a Conferencia Episcopal felicítase de que en 2023 a súa recadación aumentase en 38 millóns de euros, até os 358,8 millóns que se suman ás bonificacións do IBI ou ás subvencións que tamén reciben do Estado ou ao pago do seu profesorado nos centros educativos, onde seguen inculcando a fe pola que perseguiron, expulsaron e mataron dous Reis do s. XV, aínda tan presentes na conformación ideolóxica dese Estado.

Comentarios