Opinión

Cansa e contenta

Con estas palabras e algunhas imaxes resumín nas redes sociais o meu 8-M. Un 8-M que, para moitas de nós adoita comezar días antes, mentres procuramos idear actos que sexan a un tempo atractivos, educativos, concienciadores e imos correndo dun lado para outro, ao tempo que seguimos cos múltiples traballos do día, para executar esas ideas da mellor maneira posíbel.

Por iso rematamos cansas, porque despois de acompañar o noso alumnado dando forma a esas ideas das que tamén colaboraron, imos manifestarnos nas diferentes convocatorias que o día nos ofrece, sindicais de mañá, transversais pola tarde, en todas berrando contra as múltiples xornadas, contra a negación dos nosos dereitos ou que "non somos escravas, somos traballadoras".

E iso fai que estea, esteamos contentas, poder estar no exemplo e na práctica. Acompañar adolescentes que aceptan con todas as consecuencias, e diante dos seus compañeiros, visibilizarse como comprometidas coa loita das mulleres. Comprobar que atrás dos nosos berros reivindicativos vanse sumando mozas e mozos, que pintan a cara e portan a súa propia piruleta de cartón coa súa mensaxe. Que se unen alegres e gozan con nós da reivindicación festiva. Que aínda que o traxecto é longo, temos forza e ánimo até o último metro.

Mais cansa da insistencia de medios que teiman en falar de división do feminismo, até a contradición de abrir algún dos seus programas de análise con este titular para logo ter que dar conta de que na vilas e cidades galegas só houbo unha manifestación. Porque só en Compostela houbo dúas convocatorias. Mais a súa liña editorial marca que nos ofrezan a visión desta xornada (como en tantos outros temas) desde Madrid, impoñéndonos a visión centralista das discrepancias dentro da coalición do Goberno do Estado, porque hai forzas políticas españolas moi interesadas en que o feminismo galego se impregne desa análise. 

Mais nas rúas de noso imos xuntas e berramos cunha soa voz: "Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé!".

Comentarios