Opinión

Bens públicos

Aínda lembro o impacto que me produciu a exposición “Auga, recurso único” naquel pavillón de Expo Zaragoza en 2008. Adiantaban a futura escaseza de recursos hídricos, un mundo que a ficción nos achegara en películas como Waterworld, situada nun vindeiro 2500. Dezasete anos antes, en 2483, sitúa Antía Yáñez a súa ficción. No seu libro Be water, a auga xa é o elemento que ten máis valor, cada persoa conta só cun pequeno depósito individual, unha coroa (pórtano na cabeza) que a escraviza para manter as cativas reservas.

A realidade supera á nosa imaxinación. Comprobémolo. Vexamos de novo “Contaxio”, a película que en 2011 dirixía Steven Soderbergh. Cando o fixen pregunteime como puido adiantarse en oito anos a este presente asfixiante. Os nosos peores pesadelos están virando reais. Cando recentemente saltou ás noticias a ralentización da corrente do Golfo, rememorei “O día de mañá”, de 2004.

E preparándose para a apocalipse anunciada, o sistema económico capitalista engraxa a súa maquinaria e moderniza as ferramentas para afondar nas diferencias entre as clases sociais, con dirixentes máis e máis opulentos e unha clase traballadora cada vez máis pobre e explotada. A crise económica da segunda década do XXI, culminada coa pandemia, foi o perfecto caldo de cultivo para este presente delirante en que os prezos se disparan, especialmente no referido a bens de primeira necesidade como a luz. Luz e carburantes soben día tras día. E xa está enriba da mesa unha lei que se cebará sobre outro produto esencial para a vida: a auga.

Coma nunha tormenta perfecta, a privatización primeiro e o encarecemento despois destes bens necesarios anúncianos un mundo futuro que se asemella moito a esas distopías alienantes.

A historia e o pensamento déronnos ferramentas para loitar contra estas políticas. E cómpre recuperar ese debate. Non é unha discusión do pasado. É presente, convénlle ao futuro. É a hora de falar da creación de entidades públicas para xestionar os bens necesarios.

Comentarios