Opinión

As luces da pobreza

Na cidade das luces de Nadal, a xente morre de pobreza.

Mentres o alcalde que fai política explotando o vello localismo alardea de superar outras urbes do mundo no seu gasto en luces que, ademais, contribúe ao insoportábel colapso da cidade, a xente morre. Morren porque son pobres, porque carecen de ingresos que lles permitan acceder a vivendas medianamente dignas, porque non hai recursos sociais para os atender debidamente, porque quen goberna reparte os orzamentos pensando en ser a cidade con máis luces de Nadal, pero non con menos carencias nas rúas.

Ao alcalde que anuncia en agosto o Nadal de Vigo só lle preocupa o número de luces led ou que se airee que no parque de bombeiros non se están a cumprir os mínimos de persoal, que traballan sen a seguridade necesaria, que tiveron que ser apoiados por efectivos doutros concellos ou que o persoal de máis recente incorporación aínda estaba agardando pola formación necesaria. Daquela corre a negar o declarado polos traballadores que parecen tragarse as bágoas mentres relatan como foi o rescate dos bebés e as familias durante o incendio de outubro en Vigo. Ese incendio que se cobrou a vida dunha nai e tres dos seus fillos. Ese incendio que se tería evitado se se atendesen debidamente os informes en que se daba conta do estado do edificio. A conclusión da investigación é que a orixe do incendio foi fortuíta. Fortuíta? Ou provocada pola neglixencia de quen non atendeu o informe dos mesmos bombeiros que arriscaron as súas vidas para rescatar a trinta e catro persoas?

Tras as mortes do incendio de outubro, esta semana axilizouse o desaloxo de dous edificios en condicións similares, mentres a miseria acadaba os titulares traducida nese cadáver a descompoñerse nun cuarto noxento co que alguén especulaba. Trescentos euros ao mes por vivir de maneira indigna. Mais a tan só cincocentos metros dese edificio alto e feo en que ten o seu despacho o señor alcalde. Sete minutos andando. Un paseo pequeno até un lugar sen luces.

Comentarios