Opinión

A dor de tender

Dóenme os brazos. Estaba colgando a roupa e comezaron a me doer os brazos. E iso que hai tempo que utilizo eses tendais de máis ou menos un metro de alto, onde, en principio, non é preciso alzar os ombros para pendurar a roupa. Mais é difícil non facelo, porque erguer os brazos e elevar os ombros forma parte da rutina do tendido da roupa, algo que as mulleres facemos con altísima frecuencia.

Mentres noto como me volve a dor á parte superior do corpo, lembro o que lin no seu día sobre a calcificación dos tendóns que sosteñen a articulación do ombro: trátase dunha patoloxías que adoita  afectar ás mulleres. Cando o lin, pregunteime por que ás mulleres especificamente, e lembrei a rutina de tender a roupa, unha manobra frecuente en que sempre acabamos por erguer os ombros atrás dos brazos e aí actúa, non só unha mala postura, senón o propio desgaste. Tamén cando dobramos a roupa, ou cando lle se pasa o ferro. Mais, quen lle vai prestar atención a unha actividade non profesional, necesaria como asearse, que hai que facer si ou si, que non produce lucro, que a pode realizar calquera, que a seguen facendo as mulleres, ou as mulleres especialmente.

Resposta: segue sen ter lugar nos protocolos.

Daquela, non é de estrañar que cando vas ao médico e lle falas das túas contracturas e describes a dor no ombro que mesmo che impide o uso dos cubertos para comer, el che receite antiinflamatorios. Pasarán varias consultas antes de que mande facer unha radiografía que non mostra nada aínda, pasarán anos antes de que te envíe a rehabilitación, onde tampouco darán co problema, e cando outro médico repita a radiografía a calcificación xa será tan voluminosa como para requirir ser intervida e nin sequera dúas sesións de ultrasóns serán suficientes e terás que te adaptar a unha vida nova en que a natación xa non ten lugar e as malas posicións e as contracturas, o almorzo de cada día.

Mais seguiremos tendendo a roupa e sentindo a dor. Ben o sabemos as mulleres, é a nosa maldición bíblica.

Comentarios