Opinión

24-O, folga

Mércores 11, 9.38. Recibo no meu correo corporativo o comunicado conxunto sobre a sinatura do acordo no ensino. A foto posterior é un retrato do servilismo. Só lles falta a reverencia. E que gañan con iso? O que asinaron nin se parece ao que puxeron nos seus programas electorais hai menos dun ano, nin ao que dixeron cando a Consellaría presentou a primeira proposta. En só nove días cambiaron de idea. Cal era a urxencia? E aínda ousan escribir que un dos aspectos positivos é “que non requiriu ningunha xornada de mobilización por parte do profesorado”. Podían dicir: non requiriu da participación do profesorado, decidímolo nós.

Talvez se preguntasen o profesorado diríalles o que pensa: que non, que estamos fartos de migallas e de desigualdades. E non só, porque tamén falamos dun servizo público como a sanidade en que as melloras laborais se traducen en melloras do servizo. Se temos máis médicos e estes teñen menos pacientes é doado concluír que a atención que darán será mellor e máis personalizada. Pois igual.

Recuperar o noso horario lectivo significa incrementar o número de docentes nos centros e mellorar a atención ao alumnado. 

Chegadas aquí, unha xa non sabe como reaccionar ante esta burla. E por que non difiren o calendario de implantación a 2040? Para termos números redondos oh! Porque se o obxectivo é que nos fagamos vellos agardando polas melloras que nos deben, home, pois que non lle presten nin aos nosos netos.

Pero un dos obxectivos dese comunicado é criticar o sindicato maioritario (que duplica a suma da súa representación e ten maioría absoluta na Mesa Sectorial). Critican que a CIG-Ensino manteña vivas as propostas coas que se presentou ás eleccións sindicais e incrementou en seis, seis representantes a súa maioría absoluta. Ou que siga reclamando unha negociación en base aos criterios compartidos con Anpas Galegas polos que ambas as organizacións saíron á rúa o pasado 27 de xuño.

Contra esta manipulación e este ninguneo, eu vou á folga o 24-O.

Comentarios