venres 14/08/20

De pano sedán vestida

A primeira vez que fun ó local de ensaio de Cimadevila (Cangas do Morrazo) foi no verán, nun día de moita calor. Despois de tocar unhas pezas deixei a gaita nunha mesa e fun cara ós aseos. Ó chegar, os meus ollos rexistraron dous debuxos: nunha porta aparecía unha gaita e na outra unha pandeireta. O meu cerebro emitiu unha orde e acto seguido metinme no baño que non era: abrín a porta da gaita. Cando conto esta anécdota –totalmente verídica– polo xeral hai risos ou algún sorriso, e ás veces a conversa deriva cara ó exceso de creatividade nos sinais dos baños de bares e locais. Agora ben, onde está a comicidade da situación? Ante todo en que no meu cerebro pesou máis a identificación “eu” igual a “gaiteira” que a de “gaita” igual a “instrumento masculinizado”. En calquera caso, esta historia deixa ver que quen fixo os carteis do baño tiña na mente unha concepción ben clara e sexuada da música tradicional (muller pandeireteira e home gaiteiro) e que deu por feito de xeito probablemente inconsciente que calquera que quixese ir ó servizo compartiría esta visión. E se cadra non era unha idea desatinada: hai realmente tantas mulleres que toquen a gaita?

O imaxinario de mulleres gaiteiras non é precisamente amplo, o que non é estraño se consideramos que o primeiro álbum publicado por unha gaiteira solista ten pouco máis de vinte anos (Tolemia, de Cristina Pato, 1999). As referencias anteriores son moi escasas (cómpre sinalar o grupo Saudade de Ribadeo) e dalgunhas das precursoras non temos apenas datos, como no caso de Áurea Rodríguez. Curiosamente, Miriam Barreiro destaca en “O imaxinario feminino na música popular galega” (Os soños da memoria. Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudo, 2013) que, despois das vocalistas, as gaiteiras son as instrumentistas máis numerosas nas gravacións de música popular galega realizadas entre 2004 e 2008. O dato, aparentemente positivo, perde bastante forza observado nunha perspectiva máis xeral: os grupos estritamente femininos ou de mulleres solistas supoñen tan só o 7,3% do total dos discos editados nese mesmo período. Os grupos mixtos, por outra parte, son o 22,4% de total. Dito doutro xeito: máis do 70% do panorama discográfico galego é exclusivamente masculino. Ó final, as “numerosas gaiteiras” redúcense a dez en cinco anos de gravacións de música tradicional e folk.

Na docencia da música tradicional a situación é equivalente. Segundo o Libro branco do ensino na música tradicional (Fundación Sondeseu, 2006), o 60% dos docentes deste eido son homes; iso si, un 25% das enquisadas imparte gaita. Por outra banda, os salarios máis baixos son para elas, de modo que só un 1% das mulleres na música tradicional realiza actividades polas que cobra 600 euros ó mes. As causas desta situación son demasiado complexas como para tratalas aquí, pero recomendo ler Música, género y educación de Lucy Green para enxergar a situación. De momento abonda sinalar que as actividades musicais masculinizadas foron tradicionalmente aquelas que requirían de “tecnicidade” e que implicaban unha transacción económica: eles “son músicos” e elas “cantan”.

Nestes intres, a análise e revisión da música tradicional con perspectiva de xénero abórdase en investigacións e proxectos coma os de Chus Caramés e Carminha do Porrinho (“Andar cos tempos”), Xulia Feixoó ou Branca Villares. As temáticas tratan dende os estereotipos de xénero no baile á importancia das mulleres na transmisión oral da música, pasando pola violencia explícita e implícita contra as mulleres nas cantigas da montaña. Este último traballo (Villares) coñecino grazas ás xornadas de Tradición en Feminino organizadas pola AGG o pasado novembro; e é que dende a AGG queremos ofrecer un espazo para que aquelas persoas interesadas en investigar a música tradicional poidan amosar e compartir as súas conclusións. Aproveito estas últimas liñas para suxerir que se investiguen as mulleres gaiteiras, e tamén animar a tódalas nenas e mulleres que queiran aprender a tocar a gaita, ou ás gaiteiras que queiran montar un grupo, a que o fagan. Sodes imprescindibles!

comentarios