Opinión

Xela Arias: as voces da tradutora

T raducir é (unha das formas de) escribir. A tradución é parte da escrita, non unha actividade de inferior categoría. Poñer palabras galegas ás ideas doutras orixina mudanzas en nós. O impulso, a faísca que prendeu en min a necesidade de escribir poesía, vén tanto do contaxio dentro do Batallón Literario da Costa da Morte, como da tradución do poemario Muller ceiba (Loose woman) de Sandra Cisneros. 

Xela Arias agasalla á literatura galega unha voz intensa, poemas que son, nas súas propias palabras, “sangue e auga”, innovacións que rachan de tal modo coa poesía anterior, ou mesmo contemporánea, que foron incomprendidas. Ao tempo as súas achegas como tradutora son substanciais, polo número e pola súa calidade. Xela tomaba moi en serio a actividade tradutora e a dignidade a ela debida. Lembro a súa chamada en 1997, pouco despois de publicar a miña primeira tradución, A caza do Carbairán (The hunting of the Snark, de Lewis Carroll) para convidarme á Asociación de Tradutores Galegos (ATG), e pedirme un artigo –sobre esa tradución– para o número 3 de Viceversa, pois formaba parte do consello de redacción. O papel desta revista na tradución en Galicia nunca será ben ponderado. 

Cómpre pois celebrar a publicación do volume, promovido por Viceversa, Unha voz, moitas voces: Xela Arias tradutora (Xerais) editado por Alberto Álvarez Lugrís, Ana Luna Alonso e María Reimóndez. Un libro que trata por unha banda cuestións transversais na súa tradución por parte dos editores e de Marga do Val, a tradución privada pola poeta e investigadora Tamara Andrés, a mitolóxica a cargo de Alba Rodríguez Saavedra, e a endóxena por María Liñeira, dando tamén espazo ás voces das cotradutoras. Por outra, María Reimóndez e mais eu analizamos respectivamente as traducións de Drácula e Venus negra. Poñen o ramo ao volume poemas de Xela traducidos por Elena Zernova, Erin Moure, Georg Pichler e Kathleen March: a tradutora traducida. Eu cheguei á conclusión de que é Mina Murray, non Van Helsing, quen derrota ao vampiro, a autora intelectual e práctica da vitoria. Isto é así tanto no orixinal como na tradución que, asemade, non só non agocha, senón que nalgúns casos subliña, as tensións eróticas na novela. Unha tradución magnífica, agora descatalogada, e que chamamos a reeditar. Neste ano a ela dedicado, Xela meréceo, así como que o seu nome figure na capa, unha conta que as tradutoras e tradutores temos aínda pendente.

Comentarios