Opinión

Soñar Galicia: o SEG

O Seminario de Estudos Galegos soña Galicia, o “Estudo da Terra” dun modo innovador por moitas razóns: primeiro, polo obxecto a estudar, o propio país, a súa paisaxe, natureza, cultura, historia; segundo, pola atención ao que permanecera esquecido, considerado sen importancia, as aldeas e vilas, a cultura popular, o folclore –fronte ao interese en monumentos e personaxes máis ou menos ilustres–; e terceiro, pola metodoloxía, crebando as fronteiras disciplinares en estudos de campo como “Terra de Melide”, pioneiros neste modo de traballar.

O 12 de outubro celebramos o centenario dese soño: a súa fundación por un mandiño de estudantes e mais un profesor reunidos simbolicamente en Ortoño, que “acordaron de facer xuntanza na Universidade Galega pra adicarse ao Estudo da Terra.” Entre eles Bouza Brey, Filgueira Valverde ou Lois Tobío, máis adiante incorporouse o grupo Nós, como Castelao que deseñou a súa divisa, Antón Vilar Ponte, e a intelectualidade galeguista.

O SEG procuraba crear coñecementos sobre a realidade galega á que a universidade daba as costas, e dirixir as ciencias cara ás necesidades da sociedade galega, así do campo co Consultorio de Pragas do Campo.

Estes proxectos foron brutalmente interrompidos polo golpe de estado. En canto ás persoas, segundo o investigador Alfonso Mato, 17 foron asasinados, entre eles Ánxel Casal, Alexandre Bóveda ou Camilo Díaz Baliño, 31 como Castelao marcharon ao exilio, 37 foron expedientados, expulsados da universidade, dos institutos, do seu traballo, como Otero Pedrayo, Fraguas ou Parga Pondal. O SEG foi desaloxado dos espazos que ocupaba na USC, os seus fondos incautados, en parte entregados á versión franquista do seminario, o Instituto Padre Sarmiento.

Ao Seminario de Estudos Galegos debemos un soño, de construír coñecementos sobre a nosa terra, de construílos desde a terra. Correspóndenos recoller ese facho

Comentarios