Opinión

Somos mercadorías?

"E as mulleres saloucaron, aparentemente por Patroclo, mais en verdade polas súas propias penas". Así di Homero na Ilíada, referíndose ás vencidas, escravas na tenda de Aquiles. Durante moitos séculos homes e mulleres foron tomados escravos. Como botín de guerra, na antigüidade clásica, ou no século XVII en España as fillas e fillos dos moriscos. Máis tarde, os países colonizadores escravizaron os colonizados e organizaron o infame tráfico de escravos a través do Atlántico, orixe de tantas fortunas, en Inglaterra, Cataluña ou Galicia. Escravos de orixe africana, mais non só, tamén galegos como narra Bibiana Candia na súa estremecedora novela Azucre.

Malia a escravitude ser abolida a finais do século XIX, aínda hai moitos países nos que os seres humanos son tratados como mercadoría. Aínda hai quen entende que os corpos das mulleres poden ser vendidos e mercados, que aqueles que teñen cartos poden pagar –unha cantidade miserable– por someter unha muller pobre a agresivos tratamentos hormonais para producir ovulacións múltiplas, por utilizar o seu ventre, o seu sangue, en definitiva o seu corpo, para conseguir un desexo, ou máis ben un capricho. A dignidade humana fai tal práctica repugnante, como mercar o ril doutro.

Porén, hai ocasións nas que é a propia persoa a que se pon en venda, e non pola fame, senón pola cobiza. Científicos que, a cambio de 70.000 euros, aceptan mentir, colocando o nome dunha universidade saudí nun artigo, como se traballasen alá. O diñeiro, os recursos intelectuais empregados en formar investigadoras e investigadores, e en financiar estudos son así estafados. 

Cómpre mudar representacións sociais nas que os cartos son o valor supremo. Hai tanto polo que merece a pena vivir, a amizade, o amor, o empeño na xustiza, ser parte da natureza, a felicidade. Os cartos son o medio para unha vida digna, nada máis. Non somos mercadorías.

Comentarios