Opinión

A sanidade é política

Defender os asuntos públicos dun país é política. Descoidar os asuntos públicos, subtraer fondos da sanidade pública para entregarllos ao negocio privado, é así 
mesmo política. 

O domingo Galicia encheu as rúas de Santiago en defensa da sanidade pública. Digámolo claramente: este apoio é un acto político. Responde a actos políticos por parte do Goberno galego –resumidos no manifesto da Plataforma SOS Sanidade Pública– que levan ao deterioro da sanidade galega. Diminuír os orzamentos para a sanidade é un acto político: o gasto sanitario é do 12%, a metade do 25% recomendado pola OMS.

Que en Sada –como denuncia o xornalista Pablo Díaz Bouza– haxa que agardar dezasete días para unha cita nun centro de saúde, algo semellante ao que ocorre en moitas cidades e vilas de Galicia, é consecuencia de decisións políticas. Entre outras, as decisións de non cubrir as baixas das xubilacións, de someter ao persoal sanitario a breves contratos de semanas ou meses, de pagarlles soldos inadecuados que empurran a emigrar a outros países. Por que non se convocan 180 prazas de médicas e médicos de familia concedidas polo estado? Hai demoras semellantes para especialistas ou para operacións. Un conxunto de actos políticos que están causando a destrución da atención primaria. 

Non repoñer as prazas de pediatras, deixando case 200 concellos galegos sen atención ás criaturas é unha acción política. 

Non garantir o aborto na sanidade pública é un acto político.

Derivar pacientes a centros privados é un acto político. Atención á advertencia, na web do Sergas: "Se vostede rexeita a alternativa que se lle ofrece e decide seguir esperando para ser operado no seu centro de orixe, non será de aplicación o dereito de garantía de tempos máximos de resposta".

Si, definitivamente, manifestarnos porque queremos unha boa sanidade pública é facer política, e é lexítimo para toda a poboación.

Comentarios