Opinión

Sangra a ferida

A pel de Europa está atravesada por cicatrices de conflitos pasados, ou que criamos pasados. Rexións, cidades, vilas, prados, formaban parte dun país mais a consecuencia de levantamentos, guerras ou invasións acadaron a independencia ou perdérona. Aínda que falemos de países, son as persoas quen sofren os estragos das guerras; son as mulleres e os homes quen morren, fican mancados, perden o seu fogar, ven esboroarse a súa vida. Cando hai poboacións trasladadas dun país a outro, son as persoas as derraigadas, son as falantes dunha lingua quen resisten para mantela viva.

Nestes días sangra a ferida en Ucraína. Sangra na muller preñada, evacuada nunha padiola polo bombardeo dunha maternidade, dun hospital, ignorando os convenios sobre as guerras. Podemos nos preguntar se nas guerras hai normas, se é posible suxeitar con protocolos a barbarie. Sangra nos corpos de quen fuxían da cidade sitiada esmagados baixo unha ponte. Morren as persoas e hai responsábeis das mortes, da destrución: Putin está invadindo Ucraína e todos os erros cometidos antes pola OTAN, sendo moitos, non poden xustificar a invasión. 

Para quen vivimos crendo que as guerras eran cousa do pasado ou de países distantes resulta difícil valorar as consecuencias do conflito nas nosas vidas. Por estaren en contra das guerras, preferimos medidas diplomáticas, represalias comerciais e non as bélicas. Mais estas represalias –e as prácticas das empresas enerxéticas– levan á suba dos prezos do combustíbel que xa está causando amarres dos barcos de pesca galegos. Hai quen descobre nestes días que falarmos de soberanía alimentaria non é só un lema para unha pancarta, senón unha necesidade para nos fornecer o trigo, o xirasol e o millo que precisamos. 

Desta ferida que sangra, ademais da solidariedade coas refuxiadas –de todos os países–, deberían tirarse algunhas leccións. Os riscos de deslocalizar a produción, por exemplo téxtil, a outros lugares onde se pagan prezos de miseria. Os problemas da dependencia doutros países para materias primas ou elementos como microchips. A ameaza que supoñen as centrais nucleares que poden ser utilizadas como armas de guerra. 

Nestes tempos escuros hai faíscas de esperanza: a heroica oposición á guerra en Rusia, da sobrevivente de Leningrado, a Nadezhda de Pussy Riot cunha camiseta de "No pasarán" e o puño en alto. E a orquestra de Kiev tocando nunha praza. Pequenos actos que nos fan mellores.

Comentarios