Opinión

Saberes comunitarios

Os saberes das comunidades, transmitidos de boca a boca, como dan de comer os paxaros ás súas crías, os saberes ancestrais, preservados como tesouros durante séculos, aprendidos desde a infancia ao presenciar como actúan outras, ao poñelos en práctica con axuda, salvan vidas. Salvaron, esta semana as de Lesly, Soleiny, Tien Noriel e Cristin Neryman. Lesly, a rapaza de trece anos, foi quen de guiar os irmáns máis novos, de coidalos cargando durante corenta días a pequena Cristin que fixo un ano durante o periplo na floresta de Guaviare, a pluviselva de Colombia.

Por que tan pouca xente confiaba na supervivencia das crianzas perdidas? Porque eses coñecementos forman parte do que Michel Foucault denominou os saberes sometidos, descualificados como non conceptuais e pouco elaborados, en definitiva non lexítimos. Foucault chámaos "o saber da xente", subliñando que non é o do sentido común, senón un saber local, particular, descontinuo.

No caso da xungla amazónica, Lesly, Soleiny, pertencentes á comunidade nativa Uitoto, saben camiñar por ela, foron capaces de recoñecer plantas e froitos comestíbeis –tamén comeron paquetes guindados desde o aire– de localizar lugares máis apropiados para durmir ou descansar.

Difícil de imaxinar para xornalistas occidentais que falan da selva como un territorio hostil, inzado de serpes –ah, a tradición bíblica– xaguares, tarántulas e outras alimarias. Poucos lugares visitei na miña vida tan fermosos como as selvas tropicais, a amazónica; nela felinos como o xaguar, onça en Brasil, teñen máis que temer dos seres humanos que o contrario, están na lista vermella da UICN.

Lesly e os seus irmáns probablemente saben que é difícil encontrar o xaguar, que as serpentes adoitan liscar ante a presenza humana, que o arácnido máis temíbel é o pequeno mucuí, causante dun proído insoportábel. Saberes desprezados, sometidos: tesouros.

Comentarios