Opinión

Regueifa da liberdade

Liberdade, liberdade / toman o teu nome en van / para que uns fagan negocios / e que morran os anciáns. / Nos días da miña vida / vin moito cara lavada / mais faltábame por ver / xente tan desapiadada. / Cando chegou o andazo / quen non pode respirar / sufocadiña coa febre / tería que ir ao hospital. / Pesarán catro mil mortos / da que manda na conciencia? / Acabará algunha vez / dos que votan coa paciencia? / Liberdade, liberdade / toman o teu nome en van / uns, morren abandonados / uns, cartos apañarán.

Aí vos vai o desafío / a cervexa é liberdade / construír hospitais baleiros / e destruír a sanidade. / Cálate, vaite calando / liberdade é se hai xustiza / non o dereito a explotar / e vía libre á cobiza. / Aí vos vai o desafío / ían morrer de todas todas / a culpa é das enfermeiras / a culpa é das coidadoras. / Cálate, vaite calando / vergonza de comisións / máscaras son necesarias / non precisan corrupción. / Aí vos vai o desafío / eu podo insultar rimando / se teño gracia ao falar / todo me van perdoando. / Cálate, vaite calando / iso non é gobernar / axiña chegará o día / que non te van perdoar. / Falan ben alto de mérito / do traballo e do afán / mais o seu historial revela / que levou o Xe dun can. /

Desafío, desafío / desafío das liberdades / é que as xornalistas poidan / contar todas as verdades. / Informar das falcatruadas / botar luz sobre as estafas / 
revelar o que está oculto / e non sufrir ameazas. / Pechar as bocas co medo / esparadrapo e mordaza / non lograrán agochar / voces en rúas e prazas. / Queremos pagar impostos / non en proveito dun clan / senón para o beneficio / de todos os cidadáns. / Dos mortos na ditadura / non borredes a memoria / que desas actuacións / pedirá contas a Historia.

Aí vos vén a primavera / aires de felicidade.

Liberdade, liberdade / toman o teu nome en van / cantaremos, liberdade / queremos rosas e pan.

Comentarios