Opinión

Qatar ou os leóns no circo

Levar servos ao estadio e que morran alí; é un espectáculo que atraería moito público, non cre? Creo, si, boa idea, e o público pagará un monte de cartos, até mil dólares ou máis. Pagarán, pagarán... e como os mataremos, ceibándolles leóns? Non ho, iso resulta antigo e moi caro, vostede sabe o que custa cazar leóns? Por non falar do suborno aos da aduana por aquilo do tráfico de animais... 

Daquela que método propón para matalos? Ocórreseme unha idea para optimizar o proceso. E logo? Sabe que os nazis fixeron que os prisioneiros cavaran as súas propias tumbas? Nós podemos facer que constrúan o estadio, os estadios, e soterralos debaixo ou a carón deles; morrerán e mais deixarán construídos os estadios. Que idea brillante! Coa calor de case cincuenta graos morrerán a centos... mais non sei se haberá protestas, vostede sabe como son os radicais. Protestas? Non creo, os servos son migrantes da India, de Bangladesh, Malaisia, Paquistán, Sri Lanka, países onde de todos modos morrerían de fame, tanto ten que morran de calor ou deshidratación, quen vai protestar polas súas mortes? Mais cando cheguen e vexan as condicións de traballo, o maltrato físico, as agresións sexuais, regresarán aos seus países. Non regresarán, non, engánase, porque coas leis "kafala" a empresa pode confiscarlles o seu pasaporte e impedir que saian de Qatar, en resumo, é como os antigos escravos, mais non lle damos ese nome, compréndese. 
Porén, con sete mil mortos, con ese sistema feudal, coa falta de dereitos das mulleres, vostede non cre que os países occidentais se negarán a participar? Escoite, amigo, vostede é un inxenuo: para iso estivo Mohamed bin Hamman regando con cartos os responsábeis de fútbol que tiñan que decidir, cinco millóns de dólares –segundo o Sunday Times–, moitos cartos mais foi un bo investimento; espérase un millón e medio de siareiros no Mundial. Nin sequera se rebelarán contra a discriminación dos homosexuais? Tampouco é para tanto, ser gai ou lesbiana pode ser condenado a cinco anos de cárcere, non é que os vaian enforcar! E as mulleres, non están tan mal, comparadas con outros países musulmáns: moitas estudan e traballan; certo que deben ir co cabelo e o corpo cuberto, que o pai ou marido, ten que autorizalas a casar, viaxar ao estranxeiro ou traballar...

Dígolle que van participar todos no Mundial de fútbol manseliños como ovellas.

Que quere, a min, de todos modos, gustábanme máis os leóns

Comentarios