Opinión

Precariedade, escrita

Hai talento na narrativa galega. Fluíu o 21 de novembro, na intensa xornada organizada pola RAG co nome de Voces da narrativa. As escollas son sempre difíciles e neste caso recaeu en seis narradoras e narradores menores de corenta anos. Un dos propósitos é facer explícito que a literatura, a cultura galega está viva, hai fíos –de palabras, ou talvez de cuspe, de sangue– que unen a quen escriben hoxe con Rosalía e Curros. A RAG ten a encomenda de estudar e promover a cultura galega, a de hoxe como a de onte e, na miña opinión, isto demanda atención ao que se escribe nestes días en Galicia.

Cada escritora, cada escritor, crea un mundo propio. Alberto Ramos, Berta Dávila, Brais Lamela, Cecilia Santomé, Fabio Rivas, Sica Romero escriben de formas diferentes. Debo advertir que eu creo pouco nas xeracións literarias, nada nos intentos de situar as escritoras nunha suposta "literatura de mulleres" –o que leva implícito que a escrita por homes é universal– e que aborrezo as etiquetas. É imposíbel unha síntese do que escriben, mais si dalgunhas cuestións que agromaron nas conversas. Unha delas é o lugar da escrita, en palabras de Brais, o lugar desde o que escribimos e, nas de Alberto, a familia, lugar de salvación ou de trauma; segundo Sica a escrita como refuxio. Un dos lugares da escrita destas seis voces é a precariedade, personaxes á procura de traballos que permitan sobrevivir, de vivendas nas que haxa un lugar para escribir. Xa non o cuarto propio de Virxinia Woolf, senón un recanto na mesa da cociña, onde, di Berta, a escrita imprégnase de manchas e do ruído cotiá, impugnando a idea de que a escritora é un xenio solitario. A precariedade das protagonistas de Cecilia, que limpan a merda doutros, dos personaxes de Fabio que habitan a violencia, o desacougo. Outras voces da precariedade, Diego Ameixeiras, Xesús Fraga. Cómpre escoitar estas voces.

Comentarios