Opinión

Por que os premios?

Por que tantos premios para a cultura galega? Que ocorre en Galicia? Pregúntao xente aquí e, nos últimos meses, preguntáronmo fóra de Galicia. Avanzo algunhas hipóteses, partindo do convencemento de que non hai causas únicas, senón unha combinación de varias.

Primeiro: o talento. Hai talento no cine galego, en O corno de Jaione Camborda que acadou a Cuncha de Ouro en Donosti, na premiada Nación de Margarita Ledo, en Matria de Álvaro Gago. Hai talento na cultura galega, calidade detrás dos 21 premios nacionais desde 2017, cinco de poesía: Pilar Pallarés, Olga Novo, Yolanda Castaño, e mais Alba Cid, Ismael Ramos en poesía nova. Noutras categorías: xornalismo cultural, tradución, ensaio e narrativa, dous en cada unha, un en literatura infantil e teatro. Considero parte da cultura a investigación e a música, nas que Felipe Criado Bolado e Eduardo Soutullo foron galardoados, a Historia –Ofelia Rey Castelao–, as artes plásticas, a arquitectura, o deseño. 

O talento precisa un ambiente favorábel para desenvolverse e Jaione Camborda afirma encontralo en Galicia. Un ambiente creado por nós, o que Ismael Ramos chamou, nos parabéns a Yolanda Castaño, unha rede de afectos. Choemos esas paredes, levantamos eses acougos, de mans dadas. Desenvolvémonos en rede para crear, malia o exiguo apoio institucional, malia a ausencia de programas sistemáticos.

En terceiro lugar, cómpre recoñecer un esforzo –este si é sistemático– por parte das persoas que representan á Real Academia Galega nos xurados dos premios nacionais, nos que só se debaten as candidaturas presentadas polo xurado. De non seren levados pola RAG é moi difícil que as obras ou os candidatos se coñezan. Isto require un traballo previo, un coñecemento da literatura, da cultura. Son esas redes tecidas entre creadoras, creadores e algunhas entidades as que terman da cultura galega. Cómpren plans serios que a sustenten.

Comentarios