Opinión

O pobo elixido

N'O mercador de Venecia, Shakespeare pon na boca do xudeu Shylock unhas liñas adoito empregadas –como o cineasta xudeu-alemán Ernst Lubitsch en To be or not to be– para criticar o racismo: "Non ten un xudeu ollos? Non ten un xudeu mans, órganos, dimensións, sentidos, afectos, paixóns? Alimentado coa mesma comida, ferido coas mesmas armas, suxeito ás mesmas doenzas, curado polos mesmos medios, quecido e arrefriado polo mesmo inverno e verán que un cristián? Se nos picades, acaso non sangramos? Se nos facedes cóxegas, non rimos? Se nos envelenades, non morremos?". Certamente, e contra os prexuízos antisemitas, un xudeu sangra ao ser ferido, sente afectos e paixóns. Palabras, liñas, que poden ser empregadas hoxe mudando "xudeu" por "palestina". Un neno palestino morre se é bombardeado, unha nai palestina chora co corpo do seu fillo no colo como todas as mulleres nesa circunstancia.

Gran número de guerras, pasadas e actuais, tomaron como escusa a superioridade imaxinada duns pobos sobre outros, fose pola raza ou pola relixión. Os nazis a da raza aria sobre os Untermenschen, infrahomes ou subhumanos, xudeus, ciganos ou eslavos. Os sionistas do goberno israelí considéranse o pobo escollido, por Deus enténdese, ou "o pobo da luz", na Biblia sinónimo de pobo escollido, o que os lexitima para masacrar "o pobo das tebras", é dicir os palestinos. Outra cousa é se eses dirixentes o cren, ou se o empregan como en Gaza e Cisxordania para apropiarse das terras doutros. A idea de que hai países mellores e outros países peores, identidades mellores ca outras, relixións que lexitiman asasinatos en masa, é perigosa, trae consecuencias terríbeis. Esta segunda Nakba manchará o sionismo e ameaza con alterar a memoria do holocausto. Ningún agravio do pasado pode xustificar crimes. Seren desposuídos do pan non fai menos inmoral desposuír aos palestinos. Isto ten que parar.

Comentarios