Opinión

O merlo na árbore

O luminoso azul das hortensias. A néboa verde das folliñas novas rebentando nos salgueiros á beira dos ríos en abril. Os primeiros risos dun neno aos dous meses. O primeiro narciso ventureiro do ano. As flores dos toxos, amarelando o monte. O chío do merlo que me fai compañía no almorzo desde as pólas dunha árbore baixo a miña fiestra.

Azul, verde, risos, flores ventureiras, chío, escintileos de felicidade nas pequenas cousas. Temos dereito a gozar duns pelouriños de ledicia mentres Gaza é martirizada? A admirar como florean árbores adiantándose á estación, sabendo que a Terra está quecéndose a un ritmo insoportábel? Temos, si. A procura da felicidade é unha das ferramentas de que dispoñemos contra esta etapa do capitalismo de rapina, no que grandes corporacións e empresas multinacionais teñen máis poder que moitos gobernos. Desta situación xa nos advertiu o señor Karl Marx. Están empeñados en convencernos, non só de que debemos traballar arreo para eles acrecentaren a súa riqueza, senón de que necesitamos numerosas posesións materiais, algunhas de curta duración, para ser felices. Empeñados en facernos crer que as cousas son así debido a un destino inexorábel, para que perdamos a esperanza de mudalas. Non renunciaremos á felicidade nin a esperanza. A felicidade das pequenas cousas, cores, chíos, risos, que non teñen prezo.

O merlo das mañás é fiel á arbore, malia a furia da Desapiadada Brigada Arboricida (DBA), empeñada en desposuír as árbores de Santiago de Compostela de follas, varelos e gallas, deixándoas reducidas a uns pauciños espidos. Probabelmente esta DBA –inmune por certo a gobernos municipais de calquera signo– descoñece que as follas, lonxe de seren perifoles inútiles, realizan a fotosíntese sendo indispensábeis para a vida das plantas. Agardando polas follas agromando, o meu merlo resiste. Resistimos, termando da felicidade e da esperanza.

Comentarios