Opinión

Non debería pasar

Non debería pasar que as mulleres sigan sendo asasinadas. En 2022 as vítimas da violencia de xénero en España son 37, segundo o goberno, e 79 segundo a rede feminicidio.net, que contabilizan os que se dan fóra do ámbito da parella ou ex parella. Non debería pasar que sexan tamén asasinados os seus fillos e fillas, ás veces estando a nai viva, como unha forma máis de violencia contra elas, ás veces ao tempo de matar a nai.

Non debería pasar que, nunha campaña sobre a violencia de xénero, se poña o acento sobre os agresores descoñecidos que unha muller pode encontrar se vai correr vestida con mallas de deporte, se vai a unha discoteca ou se camiña soa de noite, dando a entender que o acoso, as agresións, as violacións son obra de estraños. Mais, ao contrario, as estatísticas mostran que a meirande parte deles se producen no ámbito familiar, por parte de pais, irmáns, tíos ou amizades. No caso dos mullericidios, incluso nos de fóra do ámbito da parella, segundo un estudo do Ministerio de Igualdade, o 100% dos asasinos eran coñecidos das vítimas e o 60% familiares.

Non debería pasar que esa campaña se centre nas mulleres, facendo recaer a culpa sobre elas, suxerindo que se vestisen doutro modo, se non andasen soas de noite, se non fosen soas ás discotecas, se non compartisen fotos íntimas coa súa parella, as agresións non ocorrerían.

Non debería pasar que a mensaxe principal da campaña sexa que as mulleres debemos ser cautelosas, vestirnos de forma recatada –antes dicíase "con decoro"–, andar sempre en compañía (masculina?) de alguén que nos faga de anxo da garda, coidar de que mensaxes enviamos aos nosos amantes. Non debería pasar que os responsábeis da campaña aínda en 2022 non se decatasen de que as mulleres gañamos en interminábeis loitas o dereito a vestirnos como nos pete, a camiñar por onde desexemos con quen desexemos ou soas, como di Feíta, unha das protagonistas de Emilia Pardo Bazán "facéndome compañía a min mesma". De que gañamos o dereito ao pracer, a comunicarnos con quen queiramos da forma en que queiramos.

Non debería pasar que unha segunda mensaxe da campaña presente os homes como bestas incontroladas que se ven unha muller soa de noite non poderán resistir o impulso de violala. Que dea por suposto que se un home recibe unha foto íntima da súa noiva se verá obrigado de inmediato a reenviala aos seus coñecidos. Por fortuna non é así.

Nada disto debería pasar, aínda que pasa.

Comentarios