Opinión

Nomeármonos: o fútbol

Numerosas son as vitorias das futbolistas nestas semanas, deportivas e feministas. Unha de especial importancia simbólica é o nome, a partir de agora: "Selección española de fútbol". En razón "da equidade", di o comunicado da RFEF, será o mesmo para ámbalas dúas seleccións, a feminina e a masculina. Un nome até agora empregado en exclusiva para a masculina, tamén denominada "Selección absoluta" –non vou entrar en comentarios sobre o adxectivo– mentres a das mulleres era chamada "Selección española feminina".

Engadir o adxectivo constitúe un exemplo senlleiro do que Simone de Beauvoir interpretou en 1949 en termos da consideración das mulleres como "as outras", nun sistema social e ideolóxico no que os varóns son a norma. Sintetizouno no título do seu ensaio O segundo sexo, o segundo, o outro, o preterido. Encontrámolo repetido en centos de casos, eles son os deportistas, escritores, artistas, poetas, xornalistas, músicos, e nós somos as deportistas mulleres, as escritoras mulleres, as artistas mulleres.

O que non ten nome non existe, por iso é un grande paso simbolicamente. Quen ostenta o poder de nomear ten asemade o de excluír. Unha das formas de exclusión é tomar os nomes en van. Entre 1878 e 1885 o goberno de Arxentina chama "Guerra do deserto" á campaña militar na que conquistou territorios propiedade das nacións indíxenas Mapuche, Tehuelche e Ranquel na pampa e na Patagonia, chamada en mapuche Puelmapu. Tamén os nomes son armas de guerra.

Exclusión é negar o nome á metade da poboación, ás mulleres. A folga das futbolistas contra eses mecanismos de exclusión esixía mudanzas nas estruturas e tamén nos nomes. No físico e no simbólico. Grazas, Jenni Hermoso, Vero Boquete, Alexia Putellas, Irene Paredes, Teresa Abelleira, e todas vós, campioas no terreo de xogo e nos nosos corazóns, a vosa loita é por un nome. Nomeármonos, ese empeño incesante.

Comentarios