Opinión

O mito de Xoana de Arco: maio 1920

En Domrémy, o lugariño onde naceu, era coñecida como “a Jeannette da Rommée” pois, como en Galicia, a pregunta: E ti de quen ves sendo? podía ser respondida polo nome da casa, da aldea ou da familia, neste caso o matronímico. O 16 de maio de 1920, case cincocentos anos despois de ser queimada viva na praza do Mercado Vello de Rouen, logo da Inquisición sometela a un xuízo por herexía, a mesma Igrexa que a condenara acordou canonizala. Mes relevante na súa biografía, ao ter lugar a execución o 30 de maio de 1431. Unha rapaza de dezanove anos e, fronte a ela, todo o poder eclesiástico; 120 xuíces e interrogadores entre eles sesenta doutores da Igrexa, vinte e dous cóengos, dez abades, dez profesores da Universidade de París, a Sorbona, dirixidos polo bispo Cauchon. No contexto da Guerra dos Cen anos, Cauchon, partidario do rei de Inglaterra, pretendía desacreditar a Charles VII a través de Xoana. Ao non conseguiren probas de delito ningún, a acusación foi vestir roupas de home. No relato “Xoana de Arco remite formulario de apostasía” deille voz, reprochando aos inquisidores, que vestían saias de muller, esta acusación. En van Xoana alegou que esas roupas eran necesarias para tomar parte nas batallas no medio dos homes. Cómpre lembrar que dous anos antes lograra unha importante vitoria ao levantar o sitio de Orléans. Á cuestión das roupas de home agregáronse finalmente setenta cargos máis, cismática, apóstata, mentireira, blasfema e, de grande importancia, apelar ao xuízo de Deus sobre o da Igrexa. Tanto temían que se convertera nunha mártir que o seu corpo foi queimado tres veces, e as cinzas botadas ao Sena, para as levar a corrente. En 1456, logo de moitas súplicas denegadas, a súa nai, Isabelle Rommée, logrou a revisión do proceso que foi declarado nulo. Durante este segundo proceso, moitos dos xuíces do primeiro declararon non estar de acordo coas acusacións, mais prestarse á farsa por un medo insuperábel.

Por que entón facela santa tantos séculos despois? Interprétase como unha utilización política da figura de Xoana, un mito en toda Francia, contra a Terceira República e os seus principios laicos. A laicidade é un dos esteos da constitución francesa. O proceso de beatificación foi iniciado en 1909 polo papa Pío X –canonizado el mesmo, anos despois–, que chamaba pola “conversión de Francia”. Xoana de Arco, un exemplo do papel xogado polas mulleres, mesmo moi novas, na historia.

Comentarios