Opinión

O meteorito de Traspena

A investigación científica galega existe e produce noticias que veñen do firmamento: o meteorito de Traspena. O estudo, liderado por Manuel Andrade Valinho, da área de Astronomía e Astrofísica da USC, profesor na EPS de Enxeñaría de Lugo, logrou establecer con precisión a órbita heliocéntrica do corpo celeste. Isto convérteo nun achado singular, nun dos 43 casos no mundo en que esta determinación foi posíbel.

Narremos a historia desde o inicio: o 18 de xaneiro de 2021, pouco despois da media noite, algunhas persoas de Lugo acordan sobresaltadas por un estrondo. Unha bóla de lume cruza os ceos galegos sobre as abas dos Ancares, un asteroide de máis de dúas toneladas que impacta na atmosfera a 15 km por segundo, escintilando cunha luz visíbel desde toda a península. A entrada na atmosfera produciuse na vertical de Triacastela, e o asteroide fragmentouse.

As imaxes da traxectoria foron captadas polas dúas cámaras de detección de bólidos e meteoros da USC, na EPSE de Lugo e no Observatorio Astronómico Ramón María Aller de Compostela, e mais por outros vídeos particulares. José Ángel Docobo, do OARMA, narrou, ao presentar o meteorito no Museo de Historia Natural da USC, como ao día seguinte recibiron mensaxes de todo o mundo solicitando as gravacións, ao que responderon que a ciencia galega tiña capacidade para estudar a traxectoria. O estudo, que requiriu desenvolver novos modelos matemáticos e software orixinal, mereceu a publicación na prestixiosa Monthly Notices da Royal Astronomical Society.

E os anacos? Sobre isto o artigo de MNRAS parece unha novela: os astrónomos da USC deberon competir cos "cazadores de meteoritos", aos que sería máis acaído denominar ladróns do patrimonio xeolóxico, que ofrecían cartos á veciñanza. Por fortuna o meteorito foi encontrado na súa leira por Jesús Ángel Farelo, veciño de Baralla, quen o entregou á ciencia. Un meteorito, salientou Docobo, cen por cen galego, pola traxectoria do asteroide exclusivamente sobre Lugo e por caer en Baralla. Sobre a súa forma, para Docobo é a do mapa de Galicia e para Andrade o antigo reino de Gallaecia. Houbo que cortalo para o estudar, unha parte está no Museo de Historia Natural, outra foi entregada por Farelo ao concello de Baralla.

Unha historia apaixonante que racha, entre outros estereotipos, coa idea de que as matemáticas e a física son abstractas e pouco relevantes: Manuel Andrade é físico e doutor en matemáticas.

Comentarios