Opinión

Menos é máis

Decrecemento; menos é máis; o pequeno é fermoso. Palabras, frases que resultan familiares para todas as persoas preocupadas polo futuro do planeta e da humanidade. O dogma capitalista que predicaba un crecemento sen fin demostrouse falso: o que medra neste momento é a temperatura da Terra até extremos insoportábeis, medra a seca mentres cae a produción de alimentos. Só a cobiza e os intereses das petroleiras e das compañías automobilísticas están adiando unha mudanza de rumbo que é urxente. 

O decrecemento aplícase ás decisións sobre a enerxía e o quecemento global, e a menor escala a outros fenómenos como o turismo. O aumento desenfreado non é positivo nin desexábel, por iso as campañas da Xunta erran o foco. Gábanse de que este verán os anuncios e spots chegaron a "30 millóns de españois maiores de 16 anos"; por fortuna non todos viñeron.

Regar con cartos os xornais e as televisións de dereitas tiña como obxectivo favorecer a Feijóo máis que promover o turismo: a Xunta é o segundo meirande anunciante de España, así nos meses previos ás municipais 17 millóns de euros entre publicidade institucional e convenios con empresas de comunicación. En Galicia hai moito que ver, e a orientación debería dirixirse a un turismo cultural, que deixa máis cartos.

Cultura nun sentido amplo que comprende por exemplo na Ribeira Sacra tanto o románico –é a área con máis densidade de románico de Europa– como o viño, o Camiño de Santiago e as augas termais, os Pendellos de Agolada e Santo Andrés de Teixido. Enténdase ben que a xente nova coa súa mochila é benvida –eu viaxei de cámping por toda Europa–. Trátase de que, veñan con poucos ou moitos cartos, convivan cos habitantes.

"Menos é máis" foi proposto como lema estético dun tipo de arquitectura por Mies Van der Rohe. Nos nosos días é adoptado como sinónimo de decrecemento, das mudanzas nas nosas relacións coa natureza. 

Comentarios