Opinión

Matemáticas electorais

En Galicia hai máis votantes de esquerdas que de dereitas. O 23-X a esquerda acadou 807.495 votos, e o PP, 699.513. Porén, isto non se traduciu en máis escanos, a esquerda conseguiu 10 –7 do PSdG, 2 de Sumar, 1 do BNG– fronte a 13 do PP. Nas autonómicas do 18 de febreiro o reto é acadar máis votos e máis escanos.

1. O PP deseñou e modificou a lei electoral á súa medida, coa sobre-representación das provincias orientais, onde obtén máis votos, e establecendo arbitrariamente o limiar do 5%, unha norma de Fraga dirixida contra Esquerda Galega e Camilo Nogueira. Isto pode levar a que un partido teña máis votos que os correspondentes aos catro últimos escanos dunha provincia, sen entrar no Parlamento. 

2. Para lograr un goberno de progreso presidido por Ana Pontón, como desexamos moitas persoas, o número máxico é 38. É pois necesario que o BNG teña un bo resultado, como indican as enquisas, e ademais que o PSdG e Sumar acheguen votos e escanos. Os datos de Nós Diario –do 11, día en que escribo isto– aínda atribúen 38 ao PP e mais 1 a Democracia Ourensá.

3. Os escanos que poderían mudar a maioría son os últimos da Coruña e Pontevedra, se os gaña Sumar e os perde o PP, a esquerda tería 38 e a dereita, incluso con DO, 37. Os de Lugo dispútanse entre a esquerda, BNG e PSdG, e os de Ourense entre a dereita, DO e PP.

4. Ás persoas que votaron a Sumar nas xerais, 81.345 na Coruña e 74.605 en Pontevedra, e agora dubidan que facer, diríalles que nestas dúas provincias Sumar é un voto estratéxico. Non digo útil, porque creo que cada persoa debe votar seguindo as súas ideas. Estratéxico no sentido de que achegar dous escanos ás esquerdas e restalos á dereita pode mudar as maiorías.

Quero un goberno galego de esquerdas e votarei Sumar, é público. Merecemos un goberno que poña no centro as persoas, que defenda a sanidade e o ensino públicos, un goberno digno do país.

Comentarios