Opinión

Kore-eda: Vidas nas marxes

O cine do director xaponés Hirokazu Kore-eda esculca as vidas que fican nas marxes, seguindo, como dixera Cate Blanchett ao lle entregar a Palma de Ouro de Cannes por Un asunto de familia, a xente invisíbel.

Dise que nestes anos hai cine ou novelas que se ocupan de quen até agora non eran protagonistas da ficción, das mulleres, así como dos excluídos, dos pobres, dos marxinados. Invertendo o modo de interpretar, eu diría que é o contrario, até agora e na meirande parte da ficción, do teatro ou do cine, as vidas narradas son as dunha pequena fracción privilexiada da sociedade, na meirande parte dos casos homes. Houbo excepcións, como Os miserábeis de Victor Hugo, ou as novelas de Dickens.

Kore-eda revela unha grande empatía pola xente que sobrevive nas sociedades capitalistas e nas inhóspitas urbes de Xapón ou, en Broker, de Corea do Sur. Nun sistema implacábel no que o doente, a vulnerábel, non teñen espazo: Osamu, o pai de Un asunto de familia, perdeu o seu traballo logo de romper un nocello e sobrevive mediante pequenos furtos nos supermercados; a nai, Nobuyo, traballa nunha lavandaría industrial.

Aínda que convencionalmente falemos do pai e a nai, ningún dos rapaces que viven con eles é o seu fillo, só Aki é neta de Nobuyo, Shota foi rescatado dun coche fechado e a pequena Yuri dun balcón onde a súa familia a abandonara. O protagonista de Broker, Sang-hyun representado polo actor coreano Song Kang-ho, e o seu cómplice, rouban bebés das baby boxes, versión contemporánea do torno do hospicio onde as nais poden abandonalos, para traficar coa súa adopción. 

Nos seus filmes Kore-eda emprende unha demolición da familia tradicional, levándonos a cuestionar o que consideramos “familia”. Ao tempo interroga os límites entre o legal e o ilegal, entre transgresión e submisión, mais sobre todo entre o que é eticamente aceptábel e o que non o é. É lexítimo asasinar un home que maltrata unha muller? Pois nas dúas películas algún dos personaxes mata nese contexto. É mellor para unha criatura non chegar a nacer, que a nai aborte, ou ser abandonado nunha especie de caixeiro automático?

Agradécese a Kore-eda que afirme nunha entrevista “o aborto é unha cuestión que deben decidir as mulleres”. As súas vidas nas marxes, nas que se establecen lazos de cariño e lealdade entre as persoas máis dispares, empurradas fóra da sociedade por un capitalismo brutal, poden ser un conto de Nadal actualizado.

Comentarios