Opinión

Insubordinación

Que obxecto ten destinar recursos para que a xente de familia traballadora estude Formación Profesional nun centro público de modo presencial? Ou para que estuden bacharelato nocturno?

A análise destes debates noutros países pode iluminar a cuestión. No Parlamento do Reino Unido ao longo do século XIX tratouse a educación das “capas baixas”. En 1807 o reformista Samuel Whitbread propuxo unha lei de Escolas parroquiais, como as existentes en Escocia, para ensinar a ler aos pobres. A proposta foi rexeitada, apelando a varias razóns, por exemplo: que o estado non debía interferir nas vidas da xente; que requiriría o pago de impostos para financialas; ou a oposición da Igrexa Anglicana, que temía unha educación secular. O argumento máis detallado foi o de Davies Giddy: “dar educación ás clases traballadoras dos pobres sería prexudicial para a súa moral e felicidade; ensinaríalles a desprezar a súa sorte na vida, no canto de facer deles bos serventes en agricultura, ou outros traballos aos que están destinados polo seu lugar na sociedade, no canto de ensinarlles subordinación, faríaos conflitivos e insubmisos; como é evidente nos condados industriais, permitiríalles ler panfletos, libros virulentos e publicacións contra a cristiandade, volveríaos insolentes cos seus superiores.”

Probablemente estas explicacións son as que inspiran medidas recentes, en Galicia transformar numerosos ciclos de Formación Profesional, até agora presenciais, en ensino a distancia. Trátase sobre todo da familia de Servizos á comunidade e administrativos. No mesmo sentido en Madrid a eliminación do bacharelato nocturno presencial. Claro que, nun caso e noutro, poden seguir a FP ou o bacharelato en centros privados: neles teñen moitos recursos pois aumentan de ano en ano, mentres diminúen os destinados aos centros públicos. Mellor que non estuden tanto, non sexa que se 
insubordinen. 

Comentarios