Opinión

Iguais na diversidade

Aínda que a palabra ‘pogrom’ comezou a utilizarse a finais do século XIX, as persecucións e asasinatos en masa de grupos étnicos ou relixiosos, sobre todo dos xudeus, son moi anteriores, acusándoos de males como o andazo de peste negra no século XIV. En España no masacre iniciado en 1391 foron asasinadas só en Sevilla unhas 4.000 persoas, moitas emigraron e algunhas comunidades desapareceron por completo.

Nunha sociedade democrática a persecución de quen é diferente é inconcibíbel, porén o programa electoral dun partido —escuso escribir o nome— propón a inmediata expulsión dos "inmigrantes que accedan ilegalmente", incluíndo os menores, pechar os centros de atención a estes, un "bloqueo naval" das costas e a eliminación de subvencións públicas ás ONG que traballen na súa axuda. Para alén da imposibilidade material de levar a cabo estas propostas, o problema é a ideoloxía que as sustenta. Unha ideoloxía que considera unhas persoas seren superiores ou mellores que outras, con máis dereitos, e mantén que as súas vidas son máis importantes. Nun horizonte ético unha idea central é que somos iguais. Iguais na diversidade, porque:

Non hai unhas etnias mellores que outras etnias. E desde logo non existen distintas “razas” humanas.

Non hai unhas culturas mellores que outras culturas, nin unhas linguas superiores a outras linguas. O argumento de que a colonización levou “linguas de cultura” aos países colonizados obvia que esas comunidades foron desposuídas das súas culturas e da súa lingua nai. Non hai unhas identidades mellores que outras identidades.

Non hai persoas que teñan máis dereitos que outras persoas. Hai centos ou miles de empresas e particulares que empregan migrantes con pagos miserábeis e en negro. Sabémolo, lémolo en novelas como Ceniza en la boca de Brenda Navarro, na voz dunha mexicana en Madrid e Barcelona. Somos iguais e diversas, diversos. Iguais.

Comentarios