Opinión

Un hotel de primeira?

Amo intensamente o teatro, o que segue as obras tal como foron escritas e as versións que procuran novos significados. Fascíname a escrita de Xohana Torres. A estrea de Un hotel de primeira sobre o río, que desde a súa publicación en 1968 só fora representado de xeito afeccionado, é unha boa nova, tamén o encargo da dirección a dous grandes da dramaturxia galega, como Gonçalo Guerreiro e María Torres. Porén, confeso o meu desconcerto ante esta produción do Centro Dramático Galego.

Cómpre louvar a beleza plástica, as coreografías, danzas e acrobacias, o traballo de actrices e actores, especialmente Merche Pérez como Ruth. O que resulta difícil de entender é a interpolación dun novo personaxe, Silvia Ledo Limia, que representa “o activismo ecoloxista asociado ao movemento neorural” para quen María Torres escribiu textos definidos no programa de man como complementarios. O problema radica, na miña opinión, en que esta versión e a relevancia outorgada a Silvia modifican o final da obra. Talvez non haxa moitas persoas que lesen Un hotel de primeira sobre o río pois durante moitos anos o libro, publicado hai máis de 50 anos, era difícil de encontrar; en 2020 foi reeditado por Engaiolarte.

Eu entendo o final de Xohana Torres, logo da expropiación, como un canto á resistencia: “Ruth: Coma o sangue, a últema moeda! Quente é o sangue; i esta casa, inverno!”. Di Xohana na acotación: “Ruth e Daniel avantan formando un corpo. O Comisionado e o Alcalde encóllense; recúan”. E continúa Daniel “Ouh divina, embriagadora loita: Por que chamas tan vella á nosa porta”. “Ruth e Daniel botan os puños na cara deles”. Como explicar que este final sexa substituído por unha escena na que Silvia –caricatura de ecoloxista– leva consigo unha derrotada Ruth. Xohana sabía que perder as batallas non é ser derrotada. Que é necesario seguir loitando por causas perdidas. Idea a non perder.

Comentarios