Opinión

Glasgow: O ceo cáenos na cabeza

Sabémolo quen amamos Astérix e Obélix: cómpre temer tan só que o ceo caia sobre as nosas cabezas. Sabémolo quen lemos as historias da aldea gala resistente, encontrando nela razóns para resistir, nas traducións de Eduardo Blanco Amor, Antonio Pichel, Valentín Arias, Xavier Senín e Isabel Soto, entre outras.

O ceo xa está comezando a caer sobre as nosas cabezas, en forma de C02, metano e outros gases de efecto invernadoiro, mentres en Glasgow os gobernantes mundiais (gobernantes?) andan a marear o peixe, adiando os compromisos para vindeiras décadas, cando os danos serán irreversíbeis. Algúns efectos do quecemento global xa son evidentes, non só nos veráns máis quentes, senón na frecuencia de fenómenos catastróficos, asolagamentos, ciclóns, seca.

Aínda que non sexa doado de enxergar, o cambio climático pode traer máis frío, en xeral polo aumento de episodios extremos, e en particular, para Galicia e toda a costa atlántica de Europa, pola mudanza na corrente do Golfo, grazas á cal temos unhas temperaturas máis cálidas que as correspondentes á nosa latitude. Estas mudanzas nas correntes mariñas eran unha predición da oceanografía, nos últimos anos confirmadas polas medicións. Que consecuencias tería para Galicia un descenso de 6 a 10 graos nas temperaturas medias? Arrepía imaxinalo.

Igual que non é posíbel poñer unha rolla ao volcán da Illa da Palma, ou botar auga desde avións –algúns dos moitos disparates que é dado escoitar–, o cambio climático non se vai mitigar con medidas raquíticas, un pouquechiño de redución dentro de trinta anos, un chisquiño máis de renovábeis, mentres os lobbies do carbón e petróleo conseguen financiamento dos gobernos. É precisa unha política ambiciosa de descarbonización. 

Non adoita recoñecerse publicamente que unha transformación dese tipo entra en conflito con industrias das que dependen postos de traballo. O peche de centrais contaminantes, como a das Pontes, demanda un plan para os sectores afectados que son moitos máis que os traballadores da central. Outra consecuencia para Galicia será a reconversión das fábricas de automóbiles, debido á prohibición de vehículos de combustión. É urxente a planificación da transformación á produción de coches eléctricos dun sector estratéxico para a economía galega. Adiar a dependencia do carbón e do petróleo é un parche que non nos podemos permitir. Non hai tempo. Isto, se queremos evitar que o ceo nos caia na cabeza.

Comentarios